Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
UNHA OPORTUNIDADE PARA O DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL

Galiza e o Protocolo de Quioto

O 16 de febreiro entrou en vigor o protocolo de Quioto. Malia as súas insuficiencias, trátase dun primeiro paso importante no longo camiño da loita contra o cambio climático. O comezo da súa aplicación no Estado español é un logro para todo o movemento ecoloxista e un contratempo para a CEOE e, particularmente, para ENDESA, unha das eléctricas que máis dióxido de carbono (CO2) emite no mundo procedente da queima de carbón. Un artigo de Xosé Veiras, secretario executivo e vocal de enerxía da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

- 15:47 02/05/2005
Tags:

"Os impactos que se presume ocorrerán son tantos e de tan variada natureza que de ningunha maneira a falta de coñecemento detallado pode servir de excusa para non actuarmos, aquí e agora. O tempo de espera para actuarmos, simplemente, rematou"

José Manuel Moreno (Departamento de Ciencias Ambientais da Universidade de Castela-A Mancha), coordenador do estudo "Avaliación preliminar dos impactos en España por efecto do cambio climático"



O 16 de febreiro entrou en vigor o protocolo de Quioto. Malia as súas insuficiencias, trátase dun primeiro paso importante no longo camiño da loita contra o cambio climático. O comezo da súa aplicación no Estado español é un logro para todo o movemento ecoloxista e un contratempo para a CEOE e, particularmente, para ENDESA, unha das eléctricas que máis dióxido de carbono (CO2) emite no mundo procedente da queima de carbón.

A actitude do goberno de Aznar perante o problema do cambio climático foi irresponsábel e egoísta, similar ás dos gobernos dos EEUU e de Australia que, en boa medida debido á presión dos seus "lobbies" do carbón, teiman en rexeitar o protocolo de Quioto. Mentres Loyola de Palacio, como comisaria europea de enerxía, trataba de minar o liderado internacional da UE na loita contra o cambio climático, Aznar, a diferenza de Tony Blair, aliado noutras guerras, desprezaba as advertencias da comunidade científica sobre a ameaza do cambio climático e ignoraba a responsabilidade española no seu combate.

España é hoxe o estado europeo máis afastado do cumprimento do protocolo de Quioto, a pesar de que é o estado ao que o reparto da carga de redución de emisións no seo da UE-15 lle permitiu un maior aumento das súas emisións en termos absolutos. As emisións incrementáronse nun 45% a respecto de 1990, 30 puntos por riba do límite do 15% establecido para o período 2008-2012 (en Galiza o aumento foi da orde do 30%). Zapatero prometeu durante a campaña electoral e no debate de investidura que o seu goberno ía aplicar o protocolo. A tarefa non é fácil, mesmo tendo en conta que o límite que pretende non superar o goberno é en realidade do 24%. Para conseguir o 9% que falta recorrerase aos créditos do mercado internacional (como a compra de dereitos de emisión noutros estados) e á contabilización do efecto sumidoiro, da absorción de CO2 pola vexetación.

O principal instrumento para a aplicación do protocolo é o Plano de asignación de dereitos de emisión de CO2, consecuencia da aplicación da directiva para a creación do mercado europeo de dereitos de emisión. Este plano, dentro dun límite, reparte dereitos de emisión gratuitos entre as industrias afectadas pola directiva europea de comercio de emisións (térmicas, refinerías, cementeiras, plantas de coxeración,…), responsábeis no caso de Galiza do 52% das emisións. Estas industrias, para emitiren máis CO2 do que lles foi atribuído, deberán comprar dereitos a outras que os coloquen no mercado por non os necesitaren.

O devandito plano tamén establece medidas xenéricas para a redución das emisións de todos os gases con efecto invernadoiro nos sectores difusos (transporte, doméstico, residuos,…), cuxa aplicación depende non só do goberno central senón tamén dos gobernos autonómicos e dos locais.

A asignación dos dereitos de emisión ás centrais térmicas de carbón de Meirama (Unión Fenosa) e As Pontes (ENDESA) centrou as reaccións no noso país ao reparto provisional para o 2005-2007 sometido a consulta polo Goberno central. Finalmente, o recorte a respecto das emisións actuais foi sustancial, aínda que menor do inicialmente proposto. Practicamente só organizacións ecoloxistas como ADEGA ou a FEG defenderon menores dereitos de emisión gratuitos para as centrais térmicas de carbón no noso país. A elas sumáronse profesores e investigadores das universidades que asinaron, a iniciativa de ADEGA, un manifesto "Pola redución das emisións de CO2".

O ecoloxismo ten claro, en todo o mundo, desde Alemaña ou Galiza até Brasil ou EEUU, que o carbón é un combustíbel cuxo uso na xeración eléctrica debe diminuír progresivamente, como xa está acontecendo no conxunto de Europa. A necesaria loita contra o cambio climático é unha das principais razóns para iso. O carbón é o combustíbel fósil que máis contribúe ao cambio climático, que máis CO2 emite por unidade de electricidade xerada. Grandes centrais térmicas de carbón como a das Pontes, o maior foco emisor de CO2 da Península Ibérica, son enormes "fábricas de cambio climático".

O funcionamento por muito tempo máis de térmicas de carbón como as galegas, que van queimar nun futuro próximo só carbón de importación, transportado, por exemplo desde Indonesia, ao longo de miles de quilómetros (o que emite un CO2 tan nocivo como o resto mais que non conta para o protocolo), é tan incompatíbel coa defensa do clima como o é a permanencia da celulosa de ENCE en Lourizán coa recuperación da ría de Pontevedra. Producir electricidade de forma altamente contaminante (o CO2 é só un dos moitos contaminantes que emiten as térmicas de carbón), en parte para a exportación e en parte para consumo no país, acentuando a dependencia enerxética, e sen practicamente compensacións para o país pola electricidade exportada, non parece un bo negocio, nin para o clima mundial nin para Galiza. Por non falarmos do impacto ambiental das minas nas que se extraerá ese carbón, que non será menos importante porque non o vexamos, ou do dos portos exteriores da Coruña e de Ferrol, que teñen boa parte da súa razón de ser no tráfico de carbón.

As nosas emisións per cápita de CO2, o principal gas implicado no cambio climático inducido pola especie humana, eran no ano 2000 de 12,1 toneladas, ben máis próximas das de EEUU (19,7) -onde tamén a produción de electricidade a partir de carbón é moi importante-, que das do Brasil (1,8). A media mundial foi de 3,9 toneladas, cifra superior a aquela á que habería que chegar para prevenir un cambio climático catastrófico. Para iso, estímase que as emisións que contribúen ao cambio climático dos estados industrializados deberían reducirse nun 80% en 2050. Se Galiza asume a súa responsabilidade na loita contra o cambio climático e, de forma solidaria co resto do mundo, cumpre a parte que lle toca, deberá reducir moito as súas emisións nas próximas décadas.

Que as nosas emisións per cápita de CO2 sexan máis elevadas cás doutros países europeos máis consumistas e industrializados ten moito que ver coas centrais térmicas, responsábeis no ano 2000 de nada menos que dun 45% do total das emisións galegas. O seu papel na nosa xeración e consumo eléctrico non é precisamente menor, se se pechasen agora deixaríamos de ser un país excedentario en electricidade. No reparto estatal de dereitos de emisión de CO2, as centrais térmicas de carbón, non só as galegas, foron penalizadas en comparación coas de gas natural. Producir electricidade en centrais de ciclo combinado a gas natural non é limpo mais si bastante menos contaminante que facelo en vellas centrais de carbón como a das Pontes e a de Meirama. En Galiza están previstas dúas destas centrais, unha en Sabón e outra nas Pontes, que se construiría perto da de carbón e sería tamén propiedade de ENDESA. A primeira xa ten dereitos de emisión para o 2007.

O comercio de emisións non é rexeitado en si mesmo pola xeralidade do ecoloxismo. Por exemplo, as 8 principais organizacións ecoloxistas europeas (Greenpeace, a federación ecoloxista europea, a rede ecoloxista mundial Climate Action Network,…), nun informe sobre a aplicación da Estratexia Europea de Desenvolvemento Sostíbel, valoran positivamente que se estea a implementar o sistema de comercio de emisións que, sen dúbida, contribuirá ao cumprimento do protocolo de Quioto en Europa, o tempo dirá en qué medida. O que se critica desde o ecoloxismo son outras cousas, como que o goberno español teña atribuído dereitos de máis ao sector eléctrico, que a Xunta crease un (insuficiente) imposto sobre as emisións de SO2 das térmicas mais non sobre as de CO2, ou que, no conxunto da UE, non haxa prazo para eliminar as cuantiosas axudas públicas ao carbón, que non exista unha fiscalidade adecuada sobre a enerxía que fomente máis a eficiencia e as renovábeis, que o transporte por estrada, por exemplo a través de peaxes urbanas, siga sen internalizar os elevados custos sociais e ambientais que provoca, ou que non haxa máis investimento público en transporte e en vivendas sostíbeis e menos en autovías e autoestradas.

O comercio de emisións non pode ser o único instrumento para loitar contra o cambio climático. Nin a necesaria substitución de carbón por gas natural a única medida para reducir as emisións no sector eléctrico, mesmo antes que as renovábeis, a prioridade debe ser o aforro e a eficiencia, na produción, no transporte e no consumo. Nin tampouco pode ser o sector eléctrico o único sobre o que actuar, aínda que é onde se poden conseguir maiores reducións a curto prazo e de forma menos traumática para o conxunto da sociedade. En particular, é moi importante incidir sobre o sector do transporte, que é onde máis están a medrar as emisións. Neste senso, como sinala o propio Plano de Asignación de Dereitos de Emisión, habería que integrar a variábel do cambio climático en planos de infraestruturas como o Plano Galicia ou o Plano Estratéxico de Infraestruturas e Transporte, actualmente en discusión. Porén, parece que o Ministerio de Fomento e o Ministerio de Medio Ambiente non forman parte do mesmo goberno.

O cambio climático ten unha importante dimensión social. A través da protección social e da xeración de alternativas de emprego, cómpre compensar efectos negativos a nivel sectorial e local de medidas imprescindíbeis para reducirmos as emisións. Por outro lado, o reparto da carga da redución das emisións ten que ser máis equitativo, tanto entre países (pensando non só a escala da UE senón tamén mundial, e dando maior peso ao criterio das emisións per cápita), como dentro de cada país (as consecuencias sociais serán diferentes dependendo, por exemplo, de qué parte asumen as eléctricas e de cal asume o sector doméstico). Tampouco hai que esquecer que os custos de non actuarmos agora recaerán, multiplicados, nos nenos e nenas de hoxe e nas xeracións futuras, nomeadamente nas dos países empobrecidos do Sur, os máis vulnerábeis. Ou que sectores económicos importantes para o noso país, pouco ou nada responsábeis do cambio climático, como o agroforestal (por certo, afectado xa hoxe pola contaminación ácida das térmicas) ou o pesqueiro, poderían verse seriamente prexudicados polas consecuencias do cambio climático.

O Protocolo de Quioto e a loita contra o cambio climático non é só un imperativo. Pode ser tamén unha oportunidade para construirmos un país con mellor calidade de vida, enerxeticamente máis eficiente e polo tanto máis competitivo, con máis emprego en actividades con futuro. Ou isto ou un futuro negro como o carbón.

Xosé Veiras García. Secretario executivo e vocal de enerxía da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)


Ligazóns

0/5 (0 votos)