Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
G>2005

Fraga promete unha "supergalicia" para os vindeiros 25 anos

Os candidatos do BNG e do PSdeG centraron as súas declaracións de hoxe na mellora da sanidade pública e no desenvolvemento da sociedade da información, pero Fraga non reparou en temas tan modestos. O presidente da Xunta prometeu unha "supergalicia" á que chegaremos se se aplica o programa do PP "durante os próximos 25 anos". Con todo, quen se vai perder a campaña é o ex-presidente do goberno español José María Aznar. Segundo Fraga, non vai poder vir a Galiza "porque traballa na Fundación FAES en documentos moi importantes".

- 16:06 02/05/2005
Tags:

Fraga pídelle "papeis" ao goberno español
Pero non para regularizar a súa situación, senón para concretar os investimentos do Estado en Galiza que, segundo Fraga, están no aire "despois de todo o que pasou cos prazos e as cantidades". O goberno galego espera coñecer a data do encontro co ministro de Economía, Pedro Solbes, o vindeiro mércores. Mentres tanto, Fraga insiste en que eles non crearon o clima de crispación co goberno central e que "pola nosa parte, sempre houbo vontade de acordo, sempre a houbo e sempre a haberá". Por outra parte, Fraga considerou que as próximas eleccións son "as máis importantes das celebradas ata agora". Tamén anunciou que o PP presentará un "ambicioso" programa para "unha supergalicia para os vindeiros 25 anos". Mentres deseñan a "supergalicia", os "populares" teñen un apretado programa de actos para os próximos días, entre os que destacan: o 8 de maio, proclamación de Manuel Fraga Iribarne como candidato, coa asistencia de Mariano Rajoy e o 28 de maio, romaría no Monte Gozo, tamén coa presenza do presidente do PP "nacional". Quen non vai aparecer por Galiza durante a campaña é o profesor visitante da Universidade de Georgetown, José María Aznar, porque, segundo Fraga, "está traballando na Fundación FAES en documentos moi importantes".

Quintana comprométese a reducir as listas de espera
Un día despois de presentar aos primeiros postos das listas electorais do BNG, Quintana asegurou que se trata dunhas candidaturas "abertas á sociedade coas que o BNG quere chegar a un sector social non nacionalista". O candidato do BNG visitou o centro hospitalario de Ourense e aproveitou para anunciar algunhas das propostas da formación nacionalista sobre a sanidade pública. Despois de definir como "un dos maiores fracasos do goberno Fraga" a situación da calidade asistencial da sanidade pública, Quintana comprometeuse a pór en marcha o "Seguro dos 60 dias", que garantirá aos usuarios que a espera dunha intervención cirúrxica ou xinecolóxica nunca superará os dous meses. "É necesario establecer medidas legais que eu exemplifico neste seguro de 60 días e que permitan ao usuario saber que terá atención sempre dentro deste prazo, de non ser así terá dereito a reclamar e ser atendido por outros mecanismos que a administración poña a súa disposición".

Touriño anuncia un plan estratéxico para a sociedade do coñecemento
"O goberno ten plena disponibilidade para informar a Fraga dos investimentos do Estado en Galiza". Touriño reiterou o ofrecemento de Zapatero a Fraga, pero dixo que tamén lle gustaría que o propio Fraga tivese a mesma actitude respecto "da herencia que deixa en Galiza". Preguntado sobre a proposta de financiamento da Generalitat de Cataluña, Touriño afirmou que "o importante é que haxa propostas" pero que, en todo caso, o futuro do financiamento autonómico "non pode decidirse bilateralmente" e afirmou que Galiza neste asunto debe ter "voz propia". Afirmou que o programa electoral do PSdeG incluirá unha proposta, baseada en maior autonomía e corresponsabilidade financeira e garantías da solidariedade interterritorial. O candidato do PSdeG fixo estas declaracións despois de visitar as instalación de R na Coruña e anunciou a súa intención de poñer en marcha un plan estratéxico de desenvolvemento da sociedade do coñecemento, amais de varios plans para dobrar a extensión da banda larga e para a alfabetización dixital.


0/5 (0 votos)