Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORO SOCIAL EUROPEO

A educación "non se vende"

"Europa sofre cada vez máis de procesos de mercantilización no eido educativo", advirten dende o Foro Social Europeo, dende onde denuncian a aplicación de "políticas neoliberais" aos sistemas educativos da Unión Europea. Para denunciar esa situación, convocan dende este luns a que bautizaron coma "Semana Europea de Acción en Educación".

- 08:51 09/05/2005
Tags:

A "outra Europa posíbel" que se defende dende diversos colectivos alterglobalizadores integrados no Foro Social Europeo, ten coma requisito imprescindíbel a defensa de modelos educativos que garantan o pluralismo ideolóxico e o espíritu crítico "coma condicións necesarias da democracia". Por iso, e unida á defensa dos servizos públicos fronte ás liberalizacións, a precariedade laboral e o ataque a iniciativas coma a directiva Bolkenstein, a rede educativa integrada no Foro convoca unha semana de mobilizacións contra a subordinación da educación ao mercado e baixo o lema "A educación non se vende".

"A educación é un ben público mundial prioritario e un dereito humano inalienábel que inflúe en toda a vida da xente, é un dereito esencial para o acceso a outros dereitos e para a construcción de valores baseados na solidariedade, para a emancipación e a práctica da cidadanía", defenden dende o foro, "as políticas públicas deben garantir a realización destes dereitos, é un deber de Estado, de xeito gratuíto, universal, sen discriminación nin exclusión, o pleno dereito a unha educación pública en todos os niveis".

A próxima xuntanza do Foro Social Europeo terá lugar en 2006, na cidade de Atenas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)