Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
REDE GALEGA DA CIDADANÍA

Un novo espazo para a intervención cívica

O manifesto Mudar Galicia é a carta de presentación da Rede Galega da Cidadanía, unha nova plataforma que se define como "un espazo no que se faga posíbel a participación democrática cada día". A Rede está integrada até o momento por Cidadáns polo Cambio, Pola Esquerda, Xustiza e Sociedade, Adega, Burla Negra, Teenses pola Igualdade e Iniciativa Cidadá de Teo. O novo espazo configúrase como unha rede "aberta e plural" con entidades que participan do ámbito do nacionalismo e da esquerda e que afirman que "a sociedade precisa que se faga política fóra dos lindes partidarios". O seu obxectivo urxente: impulsar desde a cidadanía "ese cambio político impresdindíbel".

- 12:24 10/05/2005
Tags:

Os organizadores amosáronse herdeiros do espírito das plataformas que xurdiron a raíz da catástrofe do Prestige e das mobilizacións contra a guerra de Iraq, en concreto Nunca Máis e a Plataforma Galega pola Paz. No manifesto deixan clara a súa vontade de participar como cidadáns nas decisións políticas, non ser meros "votantes espectadores". Sen deixar de recoñecer os partidos como a lexítima organización política dos cidadáns, os promotores da Rede cren que a política precisa de "novas formas máis participativas, máis abertas e flexibeis que as convencionais". De feito, critican un sistema político que "descansa nas actividades de reducidos cumios dentro dos partidos políticos e outras institucións de poder".

Un dos promotores da Rede, Benedicto García, de Cidadáns polo Cambio, afirmou que a Rede ten vontade de converterse, máis alá do periodo electoral, nun espazo estábel de coordinación e intercambio entre as organizacións que a integran.

O feito de dispoñer dunha "ferramenta permanente" foi unha das razóns que destacou Rosa Maside, da Burla Negra, para a creación desta Rede. "En vez de montar unha plataforma cada vez que a cidadanía ten que mobilizarse por algo, esta Rede pode ser ese espazo de comunicación e traballo entre todos nós". Salientou tamén que "unha sociedade civil madura debe contar con seus propios medios de expresión e intervención".

Para Xosé Veiras, de Adega, a Rede ten como finalidade "traballar a prol da profundización na democracia" e servir como "ámbitod e relación entre as organizacións sociais". "O máis urxente é cambiar o goberno, pero hai que ir moito máis alá", engadiu.


0/5 (0 votos)