Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"GALICIA ABERTA.COM"

Fillos.org cualifica de electoralista o novo portal da Xunta para a emigración

"É unha copia serodia e absurda dos nosos propios portais", denuncian dende o colectivo Fillos ao tempo que lembran que hai anos que lle veñen solicitando apoio ao goberno galego sen obteren resposta: "puxemos á súa disposición a nosa experiencia e relevancia como portal máis visitado da emigración galega, pero a súa resposta foi practicamente nula". A polémica coa nova web da Xunta para os emigrantes coincide ademais coa apretada axenda de Manuel Fraga para os próximos días en Arxentina e Uruguai, viaxe cualificada de electoralista pola oposición.

- 07:10 12/05/2005
Tags:

Dende Fillos.org cualifican de "absurdo" o intento da administración autonómica de copiar "os nosos portais
Fillos.org, Atopadoiro.org e Galeguidade.net gastando unha cantidade que deberían facer pública, para duplicar un esforzo de anos e partiren de cero cando Fillos xa vén dando un servizo diario e gratuito a miles de visitantes e usuarios rexistrados, e conta cunha importante rede de colaboradores voluntarios".

No seu comunicado, a Asociación Cultural Fillos de Galicia expresa a súa indignación polo que cualifican unha "mera actuación electoralista do Partido Popular". Segundo explica o seu presidente, Manuel Casal Lodeiro, "se a Xunta quixese atender as necesidades dos emigrantes a través de Internet apoiaría o traballo que Fillos de Galicia vén facendo dende 1997, ou, cando menos, tería reaccionado cando os propios centros recoñeceron a necesidade de dispoñer dun espazo común en Internet a finais do 2003, no VII Congreso de Colectividades Galegas".

"En canto detectamos que os centros necesitaban o que nós levabamos xa anos ofrecendo aos emigrantes a nivel particular, unha organización con tan escasos recursos como a nosa reaccionou e, en apenas 3 meses, creamos Galeguidade.net. Por que a Xunta tardou un ano e medio? Só se explica porque queren acadar un rédito electoral", denuncia Lodeiro.

A maiores, subliñan o "preocupante e sospeitoso" de que no portal da Xunta a súa asociación sexa excluida tanto das ligazóns coma do directorio de entidades da emigración. "De feito enviaron comunicación acerca do portal a todas as entidades da emigración agás a nós, que nos tivemos que enteirar por terceiros de que estaba en marcha este proxecto copia do noso".

Á beira, a presentación da nova web ten lugar coincidindo coa visita de Manuel Fraga a Arxentina Uruguai en plena precampaña electoral. Ao respecto desta viaxe, a oposición criticou que se trate máis dunha viaxe "propagandística" ca institucional e pediu que fose o PP e non a administración galega quen pagase a estancia de Fraga. "Non nos parecería mal se a fixese coma candidato para explicar o seu programa", advertiulle a deputada socialista Marisol Soneira. Fraga retrucoulle que el "non disfraza nada" e que o PSOE fai o mesmo.


0/5 (0 votos)