Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA LETRAS

O día grande da nosa literatura

O 17 de maio, o Día das Letras, condiciona durante todo o mes a actividade cultural do país. Agora, na fin de semana anterior ao evento os actos aínda se multiplican máis e non falta homenaxe ás nosas letras nin a Xesús Manuel Lourenzo Varela en ningunha das catro provincias, nin no Bierzo, nin na raia con Asturias, etc.

- 10:52 14/05/2005
Tags:

O Día das Letras os actos centrais vanse desenvolver en Fufín (Monterroso), da man da Real Academia Galega, pero tamén haberá actos conmemorativos no CEGA de París, concertos en Cambados e entrega dos premios de relato curto en Xinzo. Ademais o día 17 é o día no que se celebran os Discursos de Tarabelos, monólogos nos que participan entre outros Celso Bugallo, Mabel Rivera e Víctor Mosqueira. En Moaña hai un recital poético, unha viaxe a Os Campiños en Rianxo e unha maratón de 8 horas de lectura en Carballo. E como un dos actos máis tradicionais está a homenaxe-cortexo que desenvolve na Coruña a Asociación de Veciños Cidade Vella e que consiste en percorrer as rúas da cidade herculina prestándolle especial atención aos edificios que pola súa actividade ou polos habitantes que tiveron están vencellados coa vida cultural galega.

Pero dende a tarde do venres Lourenzo Varela é o protagonista dos actos que organiza Fala Ceibe do Bierzo. Dende as institucións tampouco quedan atrás e durante a mañá do 13 de maio o Campus de Elviña, na Universidade da Coruña, acolle tamén charlas divulgativas sobre a figura do poeta republicano homenaxeado.

En Cambados os actos das letras comezan o 13 de maio cunha ofrenda floral e coa inauguración da exposición de paneis escolares sobre o 17 de maio. en Ribadumia, Eiravella representa A tía Lambida, de Eduardo Blanco-Amor, no liceo marítimo de Rianxo ofrécese o Concerto das nosas letras e en Carballo a música acompaña o recital poético Nova poesía.

O sábado 14 comezan os actos na parroquia natal do pai de Lourenzo Varela, en Fufín (Monterroso), a cargo da Real Academia Galega. Seguen os actos no Bierzo, promovidos polas asociacións en defensa da lingua agrupadas no Foro Arraianos e en Rianxo celébrase o XIII Premio Ciclista do concello. E como as Letras levan consigo música, tamén para o sábado está convocada a Festa do 17 que se celebra o 14 e que inaugura a Gentalha do Pichel. Coma outros anos os actos centrais serán na praza de Mazarelos de Santiago pero tamén se aproveitará para inaugurar a nova sede da asociación. Seguindo con asociacións, a Casa de Galiza en Tolosa (Francia) vai contar tamén coa actuación de Erguedela para conmemorar o Día das Letras.

O domingo en Cambados inaugúranse a Feira do Libro e o Festival Folclórico Internacional e en Ribadumia ten lugar tamén un concerto conmemorativo do 17 de maio. De novo dentro dos actos da Gentalha do Pichel cómpre salientar a manifestación en defensa da lingua que terá lugar o 15 de maio en Compostela, baixo o lema Na Galiza vamos viver em galego.

Xa para rematar, o día 16 Ribadumia acolle diversas interpretacións teatrais dos grupos escolares infantís, comezan os actos de conmemoración das Letras en Ponferrada, rematan os actos en Cacabelos e Xinzo de Limia acolle o espectáculo músico-poético Lonxe, que leva a cabo Casahamlet. Compostela acolle unha xornada de apertura de Bookcrossing, na que se 'liberarán' 175 libros galegos e portugueses co obxectivo de que vaian pasando de man en man, de lector en lector, por toda a cidade.


0/5 (0 votos)