Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
G>2005

Burla Negra ponse a disposición dos avogados de Fraga

As palabras de Manuel Fraga arredor de Hai que botalos foron recibidas con moita calma no local de Burla Negra. O colectivo limitouse amosar a súa "disposición ante o gabinete de avogados de Manuel Fraga e as accións legais que vexan oportunas tomar".

- 12:51 26/05/2005
Tags:

Respecto dos comentarios do presidente da Xunta referidos "ao mundo da incultura", "a morralla" e a "porquería" o colectivo Burla Negra unicamente destacou que lle resultou "unha crítica cinematográfica moi positiva da que puidemos tirar, cando menos, que o candidato á presidencia da Xunta prometese non inxuriar durante a campaña".

Pola súa banda, o director da curtametraxe que abre a película e na que se fai un percorrido histórico pola vida de Manuel Fraga, Punto Final, asegurou que cunha soa frase se podía definir a reacción de Manuel Fraga ante o filme, "ladran o seu rancor e nós seguimos cabalgando". Emilio McGregor, que realizou series como Mareas Vivas, sentenciou ante a posibilidade de que Fraga inicie accións legais contra o colectivo de Hai que botalos que "se hai materia punible que proceda". En Punto final, a curta que abre a película, faise un retrato do histórico do que foi a vida política do candidato do Partido Popular á presidencia da Xunta.

Nunha liña semellante interveu o escritor Suso de Toro, membro da Plataforma Burla Negra aínda que non participante en Hai que botalos. De Toro explicou que ´"calquera exceso ou erro no uso da liberdade de expresión e da crítica política hai que velo nun contexto de anomalía e tendo en conta que nos está a gobernar alguén que mandou fusilar, que mandou disparar contra obreiros desarmados, que perseguiu xornalistas...". Para Suso de Toro "a única persoa que non pode, moralmente, criticar calquera exceso é Fraga Iribarne".


0/5 (0 votos)