Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MASIVA PARTIPACIÓN NA MARCHA POLA RECUPERACIÓN DA RÍA

Milleiros de persoas piden en Pontevedra o traslado de ENCE de Lourizán

Máis de 35.000 persoas, segundo a policía local, e 50.000 segundo os organizadores, encheron onte as rúas de Pontevedra nunha das maiores manifestacións da historia da cidade para demandar "a recuperación da ría, a saúde, máis postos de traballos e o traslado de ENCE-ELNOSA dos actuais terreos de Lourizán". A marcha, convocada por máis de 150 colectivos institucións, contou coa presenza do portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana e o coordinador do PSdeG no Congreso, Antón Louro e representates de numerosas forzas políticas e sociais, agás o PP, CCOO e FIA-UGT. Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o éxito da manifestación significa "un importante aval para a política que desenvolve o concello encamiñada á recuperación da ría, o desenvolvemento sustentábel e un novo modelo de cidade para o benestar dos cidadáns".

- 11:02 05/06/2005
Tags:

A praza da Ferrería comezou a bulir a partir das 8 da tarde. Un fervedoiro de xente con bandeiras e pancartas foi enchendo o lugar do que minutos despois partiría a manifestación convocada por 150 institucións e colectivos pola recuperación da ría e o traslado de ENCE. Non era unha manifestación máis. Era a maior marcha en contra de Celusosas en toda a vella historia da contestación social contra a presenza anacrónica da factoría de Lourizán.

As mariscadoras, os armadores, os mariñeiros, os veciños da comarca e unha numeosa representación de colectivos sociais, do mundo da cultura e das formacións políticas e sindicais que se sumaron á concentración abrían a manifestación que comezou a andar ás 9 menos dez da tarde, 20 minutos máis tarde do previsto.

En primeira liña, a pancarta co lema da marcha: "Pola recuperación da ría, a saúde e máis postos de traballo. ENCE fóra da ría", que levaban os representantes da Plataforma pola Defensa da Ría e as entidades que organizaron a manifestación. Inmediatamente despois ía a fronte institucional: o grupo de goberno do concello de Pontevedra, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a primeira tenente de alcalde Teresa Casal e todos os rexedores da comarca, agás o de Sanxenxo: Marín, Poio, Vilaboa e Cotobade.

A continuación marchaba unha numerosa representación do BNG co portavoz nacional Anxo Quintana á fronte, acompañado pola cabeza de lista do BNG por Pontevedra Carme Adán. Quintana asegurou que participou nesta manifestación "como un cidadán galego máis que desexa unha Galiza ecolóxica e que aposta polo progreso e o desenvolvemento sustentábel". Houbo tamén representación do PSdeG-PSOE encabezada polo coordenador do PSdeG nas Cortes españolas Antón Louro, que destacou que a marcha se celebrou "polo futuro de Pontevedra, do emprego e do sector industrial" e engadiu que este futuro pasa "porque os distintos sectores senten para falar do traslado".
A afluencia de manifestantes rebordou as previsións da organización. De feito, tívose que variar sobre a marcha o percorrido previsto porque cando a cabeza da manifestación chegou de novo á Ferrería, a praza aínda estaba ateigada de xente que quería participar na marcha.

A manifestación transcorreu sen incidentes e cun ambiente festivo, animado sobre todo por un grupo do colecivo Burla Negra empeñados en que "Hai que botalos". A marcha rematou na praza de San Xosé, fronte a sede de Caixa Galicia, o socio maioritario de ENCE. Alí o profesor de filosofía Ramón Regueira leu un manifesto no que se fixo un balanzo da presenza de Celulosas na ría, das protestas sociais ao longo das últimas décadas e da necesidade dun modelo de desenvolvemento sustentábel para a comarca. No momento en que comezaba a lectura do manifesto houbo un enfrontamento entre membros da CIG e de NÓS-UP, pero o acto puido continuar sen maiores problemas.

O voceiro dos organizadores, Verísimo Pazos, asegurou que esta protesta "debería ser un punto de inflexión para corrixir un erro histórico" e pediulle ás partes que "senten a negociar en beneficio de todos".

  • Anteriores: Apoio masivo á manifestación polo translado de ENCE


  • 0/5 (0 votos)