Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO DA MARCHA DO 4 DE XUÑO EN PONTEVEDRA

"O futuro nas nosas mas"

"Hai medio século que a ditadura franquista instalou pola forza a fábrica de Celulosas en Lourizán, unha ubicación ilegal que, seguindo o típico modelo de enclave colonial, eliminou o mellor banco marisqueiro da nosa ría, agrediu o medio ambiente, freou o desenvolvemento dos sectores productivos e impediu o crecemento harmónico e natural de Marín e Pontevedra". Así comeza o manifesto lido polo profesor de filosofía Ramón Regueira ao remate da marcha do 4 de xuño a favor do traslado de ENCE en Pontevedra.

- 15:39 06/06/2005
Tags:

"Hoxe ENCE, Caixa Galicia e o PP, continuadores do desatino, herdeiros daquela anomalía histórica e defensores a ultranza da permanencia a perpetuidade do complexo contaminante, póñense sen reparos ao servicio da ilegalidade e a senrazón para trataren de impor obstinadamente con demagoxias, provocacións e falcatruadas diversas o seu particular negocio de dano e destrucción.

Mais fronte a eles, reducto marxinal, intolerante e profundamente antidemocrático, estamos todo o grande corpo dunha cidadanía viva, activa, un movemento social heteroxéneo e amplo, de todos os sectores, ámbitos, xeracións e crenzas que confiamos na nosa potencia e na verdade, que acreditamos nas posibilidades únicas coas que aínda conta a nosa ría para, unha vez retirado de ai o monstró, emprender plans de desenvolvemento que xenere máis riqueza e traballo baseados na explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestáis e turísticos.

Si, estamos aquí todos e todas fronte á prepotencia, ao señoritismo rancio de quen se quere sentir dono do que non é seu, do que non lle pertence, do que é da colectividade. Mesmo chegando a planear fraudes de lei, chantaxes, chanchullos, extorsións, trucos e malabarismos, talonarios, compra de vontades. Así e todo, actuando con mentalidade feudal, de nada lles valeu fronte a un pobo, unha sociedade que non se vende, que non se deixa comprar nin manipular, unha sociedade madura e que pide sinxelamente un futuro sen ENCE na ría, que esixe o seu dereito a un futuro mellor, a unhas expectativas favorables, á necesidade vital de contarmos con condicións idóneas para impulsar a dinamización económica, a revalorización da habitabilidade e, en definitiva, proseguir e completar o benestar social que se ven dando aquí nos últimos anos e que queremos que continúe para o disfrute cidadán.

Aquí estamos quen proclamamos un NON ben alto e claro aos anacronismos, ao extemporáneo, a prácticas e mentalidades desfasadas por moito capital que os movan. Aquí nos atopamos para pedirmos que nos devolvan o roubado, cumprindo a lei. Aquí nos unimos, con serenidade e normalidade, para defender a conveniencia social, a responsabilidade, a prosperidade. Dicimos non á insensatez, non á indecencia, non á destrucción. Sabemos que representamos a dignidade, a confianza, a ilusión. A esperanza. Iso é o que lles doe. Quixéronnos vencer inoculándonos todo tipo de resignacións, impotencia, o discurso do "non hai nada que facer, a situación é inmutable". Pero, igual que en outras cousas, tamén aquí perderon. Tamén aquí ficaron derrotados. A cidadanía, toda ela, sabe que é non so necesario que ENCE se vaia fóra de Lourizán. Sabe toda a cidadanía que agora é posible, que agora podemos, porque nos asiste tanto a lei e a razón, que sempre a tivemos do noso lado, como tamén a vontade xeral de que non a queremos aí, de que é preciso o seu traslado a unha localización máis acaída e asumible.

Aí non a queremos Non podemos consentir que haxa quen compare a catadura e os peores valores que representan hoxe os intereses privados de ENCE e o conxunto do pobo, a propia xente, o interese común. Dito doutro xeito, é unha obscenidade tratar de equiparar as prácticas neofranquistas do emporio contaminante coa defensa cidadá do poder democrático e da súa representación, unhas veces violentado por impresentables e lamentables actitudes alentadas polo complexo e executadas pola súa tropa particular de mercenarios, e outras cuestionado gravemente por perigosas dinámicas e presións. Non somos iguais, nin moito menos. Non estamos no mesmo nivel. E, en todo caso, unha minoría económica, por moi poderosa que sexa e apoiada politicamente que se atope, sexa de forma explícita ou tacitamente, non pode vulnerar a lei, nin legalizar barbaridades, nin decretar o desatino. Que quede claro.
Tan claro como no que hoxe concordamos as xentes de ben. Cidadanía de todo tipo, traballadores do mar e da pesca, do sector forestal, economistas e empresariado diverso, urbanistas, especialistas do dereito, persoal sanitario, profesionais da educación física e deportiva, ensinantes e homes e mulleres da cultura, empregados e empregadas, traballadores e traballadoras en xeral, a mocidade (tan vapuleada pola constante insensibilidade das políticas antixuvenís dos gobemos da Xunta), todos e todas concordamos en todo o sustancial do problema ENCE:
A aberración da súa actual ubicación, a súa ilegalidade, o estrago que veu causando nos recursos e nos sectores, a obriga do seu traslado, a necesaria recuperación dese espacio e a elaboración e execución dun plan integral de desenvolvemento baseado en criterios de sustentabilidade. Son cousas que sabemos todos e todas, unha gran maioría, e que compartimos.

Permitide que faga unha mención breve a un tema que considero primordial: o problema de ENCE é un indicador de primeira orde (conxuntamente con outros moitos: deseño de infraestructuras tales como tren de alta velocidade, autovías, circunvalacións, dotacións industriáis, ordenación do territorio, etc), non só para poder retratar a coherencia e firmeza das nosas institucións municipais e de quen políticamente respeta o noso país, senón tamén para recoñecermos o mal que se fíxeron e continúan a facer as cousas por aquelas opcións a quen Galiza e as súas xentes a penas preocupan, agás para faceren negocios particulares. É dicir, opcións con demostrada falta de compromiso real e efectivo coas necesidades reais e os desexos colectivos. Unha vez máis, con ENCE, salta á vista o maltrato de Galiza. E preséntasenos como evidencia a necesidade imperiosa de que a situación cambie, e so nos, os homes e mulleres que somos depositarios da esperanza, podemos mudar as cousas que nos interesan e afectan para beneficio do pobo.
Oxalá este sexa un capítulo importante da historia dunha tarde fermosa de principios de xuño, escrita por miles de persoas que comprenderen que o seu futuro estaba nas súas propias mans e que tiñan dereito a que este fose o mellor posible, é dicir, un futuro con ENCE fóra de Lourizán e pleno de calidade de vida para a xente".


0/5 (0 votos)