Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS ''CONCURSOS'' DE ÚLTIMA HORA DA XUNTA

Medio cento de altos cargos, nomeados a dedo, buscan praza fixa

28 xefes de servizo, 9 subdirectores xerais, 2 directores xerais, un director de escola de formación e un delegado provincial. Esa é a lista de cargos de libre designación que pediron praza no concurso de corpos especiais da Xunta, o que lles arranxaría un futuro de funcionarios aínda que se producise un cambio de goberno. Segundo un informe da CIG, ao grupo en busca de praza fixa únese o alcalde de Ordes, que debido á crise local do partido previsíbelmente será desaloxado do goberno municipal nas próximas semanas.

- 08:53 09/06/2005
Tags:

A posíbel derrota electoral do PP estimula os movementos nos corredores da administración autonómica entre o amplo número de altos cargos nomeados estes últimos anos polos gobernos do Partido Popular, logo de accederen aos seus postos polo método da "libre designación", que elimina criterios de obxectividade e axiliza a entrada aos postos de afíns e en moitos casos parentes directos dos políticos populares.

"Queren asegurarse unha praza por concurso que non os leve a seren cargos cesantes a libre disposición dun goberno non amigo", advirten dende a CIG logo de coñecerse o listado provisional dos admitidos ao concurso de traslados de Administración Especial da Xunta de Galiza. A relación inclúe ao presidente de Tenreira Galega, o alcalde de Ordes, o Director Xeral de Enerxía, o Delegado Provincial de Política Agroalimentaria na Coruña ou o Director Xeral de Montes, entre outros. A maioría proceden das consellarías de Agricultura, Medio Ambiente e Industria.

A CIG vén denunciando que a Xunta fomenta "prácticas fraudulentas, defendendo baremos que só lle benefician a esta xente", repartindo comisións de servizo "de forma caciquil, nepótica e arbitrariamente, convertendo a administración nunha auténtica desfeita, onde ninguén está no seu sitio". Advirten ademais da "etapa de paralización absoluta" que isto provoca coa cargos "máis preocupados polo seu futuro profesional que polas labores de xestión".

Lembrámoslles que dende a CIG veñen denunciando a existencia de ata 1.500 postos na administración galega cubertos por designación directa de conselleiros, manobra sobre a que ademais denuncian que "ten aumentado de xeito alarmante nos últimos meses". De feito, o sindicato ilustra a situación poñéndolle nome e apelidos a dúas ducias destes cargos que "polas suas funcións e especificidades, deberian ter criterios de profesionalidade" e que pola contra foron asignados "a dedo" a parentes de conselleiros e políticos do PP. Entre eles están a irmá de Manuel Fraga, dous sobriños e o marido dunha sobriña do presidente da Xunta.


Ligazóns

0/5 (0 votos)