Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PETICIÓN DE SINATURAS EN INTERNET

Campaña a prol da revisión do concordato entre o Estado español e o Vaticano

"Se os cartos que recibe son para fletar buses, avións e trens para ir a unha manifestación que fomenta o odio entre os cidadáns, esixo que os meus cartos vaian a outros fins máis sociais e humanitarios". Velaquí a opinión dun dos asinantes da petición para a supresión do financiamento da Igrexa "a costa dos orzamentos xerais do Estado" e a revisión do ensino da relixión na escola. Ao fío, goberno central e Igrexa acordaron deixar para o mes que vén a discusión sobre o futuro da relixión nos colexios, mentres dende Cataluña promoven a substitución da actual asignatura por unha sobre "cultura relixiosa".

- 11:24 24/06/2005
Tags:

Na carta que lle será remitida ao executivo e para a que pode asinarse apoio en internet, esíxese que a Igrexa católica, "do mesmo xeito que o resto de organizacións relixiosas, debe lograr por si mesma os recursos abondo para a atención das súas necesidades" así coma a "normalización das achegas orzamentarias ás arcas do Estado por parte da Igrexa e os seus empregados".

Así mesmo, esíxese a revisión do ensino da relixión propoñendo que se "se imparte a asignatura de relixión coma parte do currículum, esta debera ser relixión coma feito histórico-cultural e non dende o punto de vista confesional" ademais de que "a decisión de contidos será sempre responsabilidade do Estado" e "os profesores deberán ter un estatuto xurídico igual ao resto dos docentes".

Sobre este asunto, a ministra de Educación, María Jesús San Segundo, confirmou que o ministerio mantén o proxecto de permitir que "a clase de relixión sexa de oferta obrigatoria para os centros e de opción voluntaria para as familias". De momento, o ministerio non se pronuncia sobre se a materia terá carácter avaliábel ou se impartirá en horario lectivo. Mentres, dende Cataluña, o conseller primer Josep Bargalló aseguraba este xoves que diferentes ordes relixiosas catalás acolleron favorablemente a proposta da Generalitat para a introdución dunha materia común na escola sobre cultura relixiosa, que substituiría as clases de relixión confesional. O goberno catalán autorizaría que esa materia coexistiría coa da relixión particular que queiran adoptar nos centros concertados e privados con ideario propio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: