Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXUDAS PARA OS PAÍSES DESFAVORECIDOS E CAMBIO CLIMÁTICO

O cumio dos 8 países máis ricos fronte ao desafío dunha orde económica inxusta

Dous eixos configuran a axenda principal do cumio do G-8 que comeza en Gleneagles. Por unha banda, o alivio da débeda e o incremento da axuda aos países máis desfavorecidos do planeta e, polo outra, o cambio climático. O xefe do servizo diplomático do Reino Unido, Michael Jay, sinalou que ambas cuestións son "complexas e moi importantes e, ademais, existen diferencias entre os países membros do G-8 e tendemos a reconcilialas". A economía internacional, o terrorismo, a situación en Iraq e os programas nucleares de Irán e Corea do Norte tamén serán debatidos no encontro.

- 07:15 06/07/2005
Tags:

O encontro, que se celebra do 6 ao 8 de xullo, está presidido polo primeiro ministro británico, Tony Blair, e organizado en sesións de traballo que concluirán cunha 'Declaración da Presidencia'.

Axuda para os países máis desfavorecidos
O debate xira sobre un paquete de apoio centrado en tres áreas como son a débeda, o comercio e a axuda, que configuran un plan que se poría en práctica ligado cos países africanos. Jay precisou que o "asunto máis difícil é a apertura dos mercados dos países industrializados ao comercio de produtos dos países en vías de desenvolvemento, se ben hai perspectivas de chegar a un acordo".

Cambio climático
Respecto ao quecemento global da Terra, o negociador británico recoñeceu que se trata dunha materia difícil, dadas la obxeccións de Estados Unidos, o meirande emisor de gases contaminantes. Blair mantén que deben emprenderse accións para atallar o cambio climático, fronte ao presidente de EEUU, George W. Bush, que desbota apoiar un acordo baseado no Protocolo de Kioto que procure reducir os gases contaminantes que causan o denominado "efecto invernadoiro".

Perante este anunciado desencontro, o representante do primeiro ministro británico manifestou a súa esperanza de que "non haxa comunicados finais por separado que deixen os Estados Unidos á marxe dunha declaración consensuada polo resto do G-8". O negociador británico advertiu de que nada é descartable, ao tempo que insistiu en que "existe un verdadeiro desexo de acadar un acordo".

Economía internacional e terrorismo
Os xefes de Estado e de Goberno do G-8 tratarán no transcurso do encontro outros asuntos como a economía internacional, o terrorismo, a situación en Iraq e os programas nucleares de Irán e Corea do Norte.

En canto ao proceso de paz en Oriente Próximo agárdase que os líderes do Grupo dos Oito expresen o seu "forte respaldo" ao denominado 'Plan de Desconexión' de Israel, que contempla a evacuación, a partir do mes de agosto, de asentamentos israelís na franxa de Gaza. O enviado especial do denominado Cuarteto de Madrid (ONU, EEUU, Unión Europea e Rusia) para o 'Plan de Desconexión', informará o xoves os líderes do grupo sobre a situación en Gaza.

Intervención dos países emerxentes
Ademais, os presidentes de cinco países cualificados como "emerxentes" ou "en avanzada fase de desenvolvemento" foron tamén convidados desta volta á mesa dos grandes. O brasileiro Lula da Silva, o mexicano Vicente Fox, o sudafricano Thabo Mbeke, o indio Panmohan Singh e o chinés Hu Jinta reuniranse o xoves nun recoñecemento explícito por parte G-8 á crecente importancia das súas economías.


0/5 (0 votos)