Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME ''DESTRUCCIÓN A TODA COSTA''

Greenpeace denuncia que a Xunta actuou coma "un dos principais axentes de degradación" da costa

A masificación urbanística, a contaminación e as novas infraestruturas portuarias son as tres principais vías de agresión ás costas, que no caso galego e segundo advirte Greenpeace, deixan o noso litoral nunha "situación crítica". A "anarquía construtiva" e a "desidia administrativa" son factores clave para explicar a destrucción de espazos naturais e a erosión costeira en Galiza.

- 08:53 06/07/2005
Tags:

Os ecoloxistas laíanse no seu informe "Destrucción a toda costa 2005" da irresponsábel actividade humana á beira dos ecosistemas litorais. O colectivo destaca a "urbanización" coma un dos puntos fundamentais de agresión ás costas e critican o aumento de superficies urbanizadas e a perda en Galiza de "seis mil hectáreas de bosque e espazos naturais". Greenpeace opina que "a lei do solo galega foi modificada para rebaixar aínda máis as medidas regulamentadoras en materia urbanística", outorgándolle máis potestades aos concellos e deixando nas súas mans a aprobación dos plans xerais de ordenación "sen a supervisión da administración autonómica". A asociación ecoloxista avisa que o resultado desa actitude foron "plans urbanísticos desmedidos que tiveron a contestación da cidadanía ata acadar o seu anulamento, coma foi o caso de Cangas".

Importación do "modelo mediterráneo"
Segundo a análise presentada, estaríase detectando nos últimos anos que os constructores "atraídos polos baixos prezos do solo, desprázanse á costa atlántica e cantábrica exportando o mesmo modelo turístico". Greenpeace lembra que ese modelo, ademais da agresividade co medio que implica, amosouse "insustentábel polo esgotamento dos recursos naturais que conleva". A construcción de ducias de paseos marítimos e portos deportivos son "unha auténtico andazo" que na opinión dos ecoloxistas "non ten en conta os efectos directos sobre a estabilidade das praias e os bancos marisqueiros do seu contorno".

Ao fío, denuncian moi especialmente a situación na Costa da Morte logo da catástrofe do Prestige, "onde cada día xurden novos proxectos de construcción, créanse viais en zonas virxes ou constrúense portos deportivos, pero non se inviste en rematar coa contaminación provocada pola falta de depuradoras, evidenciando o pouco valor que as administracións lle dan á conservación dun litoral único".

O informe critica que Fomento non cumprise coa promesa de racionalización de infraestruturas portuarias e di que a costa galega é exemplo significativo. Destacan o caso da aprobación da construcción do porto exterior da Coruña, "a escasos 20 km do de Ferrol, que na actualidade está agardando o financiamento europeo malia non ter viabilidade técnica, ambiental e económica e ser un gran negocio especulativo ideado por Concello e Autoridade Portuaria".


Ligazóns

0/5 (0 votos)