Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VOLVEU SITUAR O ESTATUTO COMO PRIORIDADE DE GOBERNO

O BNG quere unha presidenta do Parlamento, o PSdeG unha vicepresidenta

O voceiro do BNG, Anxo Quintana, declarou que o BNG só está disposto a apoiar unha presidenta para o Parlamento galego, independentemente do partido. Quintana enmarcou esta medida dentro das políticas de paridade institucional coas que está "inequivocamente comprometido" o seu partido. Porén, o secretario de organización dos socialistas e deputado por Lugo, Ricardo Varela, considerou que a igualdade de sexos é un "valor estratéxico" para o PSdeG e que ve "lóxico" que unha muller ocupe unha vicepresidencia. Reábrese así o debate entre a presidencia do Parlamento e as dúas (ou unha) vicepresidencia, que opón a nacionalistas e socialistas. Nunca na historia unha muller foi vicepresidenta nin presidenta do Parlamento.

- 22:46 09/07/2005
Tags:

Durante a súa intervención no Consello Nacional do BNG, Quintana afirmou que, desde o "primeiro día" que se iniciaron as negociacións cos socialistas para a conformación do goberno, o BNG defendeu tres "capítulos prioritarios": a reforma do Estatuto, un programa entendido como un "contrato" cos cidadáns e a débeda histórica. "Esas son as cuestións que importan, que están abertas e nas que temos que chegar a acordos", e engadiu que a "forma e a organización" do próximo gobierno son secundarias. Por iso, indicou que o goberno bipartito terá que asumir a "firme vontade" de liderar unha reforma "ambiciosa" do Estatuto, e traballar sobre un calendario "preciso e exhaustivo" que os cidadáns poidan avaliar. Ademais, propuxo que se faga sen "exclusións".

Quintana quixo deixar claro ante os membros do Consello Nacional que, estar no goberno "dunha maneira ou doutra" ou "nun sitio ou noutro", non é unha prioridade para o BNG. "Estaremos ou non, estarei ou non, alí onde consideremos que servimos mellor aos obxectivos e compromisos do cambio galego. Na forma e no sitio que máis eficaz e eficiente sexa para os intereses do país e das galegas e galegos" engadiu ao subliñar que os gobernos non se fan para a "comodidade" dos gobernantes, senón para o "servizo e satisfacción" dos cidadáns. "Nin especulamos, nin releamos, nin xogamos a facer e desfacer gobernos nos medios" advertiu Quintana.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: