Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANTENSE A INCÓGNITA

O Consello da Xunta adía a decisión para adxudicar as concesións das radios e das televisións dixitais

Aínda haberá que esperar un pouco máis para saber quen se fará coas licenzas dos novos medios dixitais. O presidente da Xunta en funcións, Manuel Fraga, afirmou que "faltaban algúns requisitos" e que o Consello da Xunta da vindeira semana "probablemente" resolverá as adxudicacións. Finalmente non se cumpriu o desexo do conselleiro de Cultura en funcións, Xesús Pérez Varela, quen asegurou hai sete días que nesta semana se resolverían os concursos para outorgar 62 emisoras de televisión dixital terrestre e 72 estacións de radio dixital, tanto autonómicas como locais. En calquera caso, o PP teima en deixalo todo listo antes de marchar de San Caetano.

- 11:11 14/07/2005
Tags:

O proceso de concesión de licenzas para novos medios dixitais iniciouse en novembro do ano pasado e acelerouse xusto antes, durante e despóis das eleccións. PsdeG e BNG acusan ao PP de querer deixalo todo atado e ben atado antes de marchar e o CPXG dí que a resolución dos concursos nestes momentos é unha manobra de "blindaxe mediática do PP".

Mentres, o Executivo "popular" en funcións argumenta que está amparado pola legalidade e Fraga dá a puntilla lembrando que no ano 1989 o tripartito fixo o mesmo coa concesión de emisoras de radio. Ten moi boa memoria xa que, efectivamente, na xornada de reflexión das eleccións autonómicas do 89 o Consello da Xunta do goberno tripartito outorgou 26 licenzas: seis para A Coruña, sete para Lugo, seis para a provincia de Ourense e sete para Pontevedra. O acordo publicaríao o DOG un día despóis das eleccións, o día 18 de decembro, cando xa se sabía que o PP obtivera a primeira das súas catro maiorías absolutas con Fraga Iribarne á cabeza.

Daquela, o reparto de emisoras fora equitativo. Antena 3 Radio, a SER, e Ediciones Leyva levaran tres emisoras cada unha. Con dúas quedaron Radio Principal, El Progreso e Radio Miño. Algunhas destas e o resto das pequenas empresas que conseguiron as nove licenzas restantes non tardaron en asociarse á SER ou ben a Onda Cero.

O que vai ocorrer é un misterio. De momento non trascendeu nada sobre como se van repartir as licenzas de radio e televisión dixital e o que máis circulan son os ruxe-ruxes. O que se espera con máis ansiedade é a decisión de quen vai levar os dous programas autonómicos de TDT.

Presentáronse tres solicitudes: unha da Voz de Galicia, outra de Filmax xunto co resto da prensa escrita e outra presentada por Popular TV (pertencente á COPE). Anque non é correcto publicar rumores, o certo é que se rumorea que un dos programas será para La Voz e o outro para Popular TV. No caso da emisora da COPE coméntase que a obtención da licenza autonómica podería ser unha compensación por ter quedado fóra do concurso das locais por causa dun erro na documentación. Segundo a rumoroloxía, a prensa escrita apadriñada por Filmax Entertainment (El Correo Gallego,o Grupo El Progreso, El Ideal Gallego e La Región de Ourense) non marcharían para a casa coas mans baleiras, senón que obterían programas nas principais cidades, xusto onde hai máis solicitudes ľata 11 para tan só 3 programas - e onde a torta publicitaria tamén é máis gorentosa.

En calquera caso, o que aprobe nos próximos días o Consello da Xunta é só un aperitivo do que está por vir. E é que o novo plano técnico da TDT que o Goberno do Estado prevé aprobar nos próximos días traerá consigo alomenos un múltiplex autonómico máis (posibilidade de que haxa catro programas autonómicos a maiores). Nese caso e no máis que probable da creación de novas demarcacións locais no futuro tamén haberá que convocar e resolver concursos, anque iso xa será responsabilidade do PSdG e máis do BNG.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: