Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OUTRA POLÉMICA DECISIÓN DO GOBERNO EN FUNCIÓNS

A consellaría de Educación deixa amarrados os concertos educativos para os próximos catro anos

O Diario Oficial de Galiza deste luns confirma un novo exceso da Xunta en funcións aprobando uns concertos que no último ano superaron os 198 millóns de euros, no contorno do 12% do orzamento total da consellaría de Educación. Foros diversos de renovación pedagóxica e sindicatos viñan insistindo na errada política de privilexios ao ensino privado promovida polo goberno Fraga, que dende 1989 incrementou nun 421% as subvencións a estes centros. Tanto PSdeG coma BNG asinaran nos seus programas compromisos para un cambio de estratexia. Dende a CIG-Ensino, o seu secretario nacional, Anxo Louzao, cualifica de "inaceptábel" esta decisión do goberno en funcións.

- 12:56 19/07/2005
Tags:

"O lóxico sería que o novo goberno fose o encargado de tomar esta decisión", lembra Anxo Louzao, "non é razoábel que o goberno en funcións dea ese paso e deixe pechado coa patronal ese acordo deixando atado ao equipo da nova consellaría con esta política de feitos consumados".

A decisión prodúcese ademais nun momento onde na comunidade educativa viñan medrando as voces a prol dun cambio de políticas a este respecto. A propia federación de ensino da CIG entregara hai poucas semanas no rexistro da consellaría oito mil sinaturas, a maioría de mestres e pais, en apoio da campaña promovida co lema Unir as voces en defensa do ensino público.

O secretario nacional da CIG Ensino lembra que "a lóxica pedía esperar á constitución do novo goberno" e critica que a decisión inclúe tamén o ensino posobrigatorio e a educación Infantil. Neste sentido lembra que a súa formación vén insistindo en que no contorno das áreas metropolitanas de cidades coma Vigo e A Coruña existen centros públicos con capacidade de absorber alumnado mentres a Xunta segue privilexiando os centros concertados aínda aló onde non son necesarios ou mesmo promove ciclos formativos no privado que non se ofertan en centros públicos. As áreas de Santiago, Ferrol, Ourense son exemplo tamén de como o alumnado de Infantil e Primaria escolarizado en colexios privados está superando xa ao dos centros públicos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)