Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A DECISIÓN SOBRE AS TELEVISIÓNS LOCAIS E AS RADIOS QUEDA PARA OUTRO DÍA

É oficial: La Voz e a Cope conseguen cadansúa licenza de TDT autonómica

Finalmente cumpriuse o que publicou este venres El Correo Gallego e o que publicou Vieiros hai unha semana: La Voz de Galicia e Popular Tv, a rede de emisoras pertencente á Cope, gañaron os concursos da televisión dixital autonómica. Quedou fóra a plataforma de Filmax e o resto da prensa galega. Pero non todo está falado, esta plataforma aínda podería recorrer a decisión e conseguir que o goberno bipartito revise o proceso de concurso. Ademáis, o Consello da Xunta de hoxe non decidiu sobre os concursos da TDT local nin sobre os da radio dixital, nos que hai en xogo 60 emisoras de televisión e 72 de radio. Polo tanto, podería ser a última sesión do Consello da Xunta do goberno en funcións do PP a que desvelase esta incógnita. Seguramente sexa o próximo 28 de xullo se non hai novos aprazamentos.

- 11:20 22/07/2005
Tags:

A proposta de La Voz de Galicia prevé investir 97 millóns de euros e crear 148 postos de traballo. Pola súa banda, a Cope asegura que investirá 2,3 millóns de euros e crear 40 postos de traballo. Quen quedou fóra foi a plataforma apadriñada por Filmax na que entraban o resto dos xornais galegos e o financeiro Juan Carlos Cebrián. Malia achegar un proxecto cun investimento superior ao millón e medio de euros, co compromiso de crear 220 postos de traballo e unha programación en galego en máis dun 70%, o Consello da Xunta decantouse polas outras dúas concursantes. Segundo o xornal El Correo Gallego a decisión final foi cousa do propio Fraga.

Para cando as radios e as televisións locais?
O Consello da Xunta de hoxe non resolveu os concursos sobre a TDT local e sobre a radio dixital, parece ser que "por cuestións técnicas", segundo informou Europa Press. A decisión podería tomarse a vindeira semana, concretamente o día 28, data prevista para a celebración do último Consello da Xunta do goberno 'popular' en funcións. O principal interese dos concursos aínda por resolver volve centrarse na TDT de ámbito local. As empresas privadas interesadas en ter televisións locais concursan por 20 das 21 demarcacións existentes. En total hai 85 solicitudes para 60 programas privados o que significa que 25 empresas quedarán fóra en todas ou en algunha das demarcacións ás que optan.

Onde máis difícil vai estar a cousa é nas grandes cidades e nas súas áreas metropolitanas xa que é alí onde se concentran o maior número de solicitudes (ata 11 para tan só tres programas a concurso). De novo haberá que esperar unha semana máis para ver como deixa configurado o PP o panorama audiovisual galego.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: