Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

Fraga anuncia unha proposta no Parlamento para a blindaxe dos cargos de libre designación

"Non chegamos a tempo de despachalo", sentenciou o presidente en funcións sobre o decreto de altos cargos que finalmente o seu goberno renunciou a aprobar. Malia iso, avanzou que o seu partido presentará nesta lexislatura unha proposta non de lei con esa finalidade. "Algo lle temos que deixa ao goberno seguinte", afirmou tamén Manuel Fraga sobre a decisión de non aprobar as emisoras dixitais locais. De paso, recoñeceu que no congreso sucesorio podería haber máis dun candidato e comentou que o PP "está no centro dende o principio" pero que "se cadra o centro moveuse dende aquela".

- 11:45 28/07/2005
Tags:

"Había algunhas dificultades para rematar o complexo procedemento e non se chegou a tempo cunha proposta", dixo Manuel Fraga en relación ás licencias de radio e televisión dixital que finalmente o goberno en funcións non concederá. "Síntoo moito, porque había un acordo cos medios de información para proceder a ese reparto, pero non se chegou a tempo", explicou.

Por outra banda, e respecto ao decreto de blindaxe de cargos de libre designación e altos cargos, o presidente xustificou a renuncia á súa aprobación polas "dificultades co consello consultivo", respecto ao que volveu insistir na ausencia nas deliberacións do organismo sobre este asunto "do presidente e doutro membro, afectados nunha filla e un fillo, respectivamente". Ademais, comentou a ausencia da "necesaria conversa cos sindicatos, que se negaron a participar" e teimou outra vez en que "esta iniciativa, que levaron adiante outras comunidades autónomas, hai uns meses non tería problema ningún". De paso, desafiou aos sindicatos a que "proben" as acusacións sobre os privilexios a militantes e parentes do PP en centros e fundacións vencelladas á Xunta.

O novo ciclo para o PP
"É evidente que se abre un período onde temos que reconsiderar a nosa relación coa sociedade, que cambiou nos últimos tempos", recoñeceu Manuel Fraga sobre o futuro a curto prazo dos populares galegos, logo de ser preguntado pola sintonía do conselleiro de Pesca en funcións, Henrique López Veiga, coa chamada que dende Cataluña fixo Piqué a virar o PP ao centro. Defendeu que el mesmo tería sido "o primeiro que teorizou sobre a palabra centro en España" e analizou que "se cadra o centro social e político non coincide hoxe co centro de hai uns anos".

Fraga comentou que a sociedade "é máis urbana, tén unha estrutura familiar distinta, e unhas influencias sobre os valores morales diferente". Na súa opinión "todo iso fai necesario un gran Congreso dos que os grandes partidos saben facer a tempo". O fundador do PP subliñou que os populares "chegaron a ser o partido maioritario en España ata os atentados de Atocha, cando aínda tiñamos unha maioría clara".

Sobre o futuro inmediato do PPdeG, Manuel Fraga avanzou que "en Madrid xa están de acordo na idea do Congreso" para a sucesión e dixo agardar que a data estivese decidida ants do remate das vacacións. Admitiu de paso que neste Congreso sucesorio "pode haber e probablemente haberá máis dun candidato", pero destacou que "o importante é que se poida facer todo dentro do consenso".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: