Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO PARLAMENTO GALEGO

Autogoberno e chamadas ao diálogo, no centro do debate de investidura

No mediodía deste venres reanúdase o proceso de investidura de Emilio Pérez Touriño coma presidente da Xunta de Galiza. Manuel Fraga e Anxo Quintana terán a oportunidade de responderlle ao discurso do candidato socialista e finalmente, xa pola tarde, a suma dos votos de PSdeG e BNG escenificará a posta en marcha oficial do pacto que conforma a nova maioría no Parlamento galego e que dará lugar ao goberno conxunto de socialistas e nacionalistas. Emisión en directo da sesión a través da web do Parlamento.

- 06:55 29/07/2005
Tags:

Anxo Quintana será o primeiro en subir dende os bancos dos deputados ao estrado de oradores este venres no Parlamento logo da intervención de Emilio Pérez Touriño o pasado mércores. Dende o Bloque avanzan que Quintana pronunciará un discurso onde deixará claro que o programa de goberno presentado por Touriño "non é o do BNG pero si recolle o espírito esencial da proposta de cambio e rexeneración que os nacionalistas fixemos á sociedade galega"

O discurso do voceiro nacional do BNG partirá da idea central de que Galiza debe contar "por vez primeira na historia cun Goberno que realmente crea no país". "Somos un país cheo de recursos e posibilidades. Somos unha nación con todas as condicións necesarias para sermos un país próspero no ámbito estatal e europeu. Só precisamos un Goberno que crea na nosa propia sociedade, o que non tivemos durante estes últimos 16 anos", afirmará Quintana.

Quintana esforzarase especialmente en "establecer paralelismos entre o Programa Contrato formalizado polo BNG e polo PSdeG-PSOE e o programa de goberno co que a formación nacionalista concorreu ás eleccións galegas". Unha comparativa a través de tres eixos: "a redistribución de oportunidades entre homes e mulleres; a rexeneración democrática e o respecto polo país".

Por outro lado, e dende o PP, agárdase que Manuel Fraga terá entre os eixos destacados do seu discurso a defensa da posición dos populares no debate do autogoberno, especialmente fronte á proposta de reforma estatutaria lanzada por Touriño. Agárdase tamén que defina a vontade coa que o PPdeG se insira na chamada ao diálogo en varios temas chave para esta lexislatura, coma é o caso do emprego ou da sanidade.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: