Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS NOVOS CONSELLEIROS TOMAN POSESIÓN

A reducción do gasto é obxetivo subliñado para a nova estrutura administrativa da Xunta

O Diario Oficial de Galiza recolle este xoves o decreto asinado o día anterior polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que define a nova estrutura orgánica do executivo galego. O vicepresidente, Anxo Quintana, e os doce conselleiros, tomaron posesión oficial dos seus cargos, nun acto que tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. O decreto recolle especificamente a vontade do novo executivo de promover "unha política de racionalización e reducción do gasto público".

- 10:19 04/08/2005
Tags:

Logo deste acto, onde os novos responsábeis das consellarías xuraron e prometeron os seus cargos, segundo a fórmula que usada en cada caso, en presencia do presidente da Xunta e da presidenta do Parlamento galego, Dolores Villarino, trasladáronse a San Caetano, para realizar a primeira xuntanza oficial do bipartito na sede administrativa da Xunta.

Dende as 12h30, realizaranse os actos de traspaso de poderes en cada unha das consellarías, coa asistencia dos conselleiros saíntes, que nalgún dos casos, deberán asistir a máis dun acto debido á reestruturación de competencias a nivel dos departamentos. Así, por exemplo, Anxo Quintana, terá foto con dúas ex conselleiras de Fraga, Pilar Rojo e Belén Prado, competencias que quedarán agora dependentes da vicepresidencia. Ao tempo, a conselleira saínte de Asuntos Sociais, que tamén tiña entre as súas competencias o apartado de Relacións Laborais, terá xuntanza con Ricardo Varela, novo conselleiro de Traballo. Do mesmo xeito, Núñez Feijoo estreitará as mans de María Xosé Caride, que asome Política Territorial, e de Teresa Táboas, a titular de Vivenda.

As denominacións finais de cada unha das consellarías recollen algunha diferencia respecto á anticipada no acordo entre as dúas formacións do bipartito. Así, a vicepresidencia de Quintana pasa a bautizarse de Igualdade e Benestar. O resto: Innovación e Industria; Medio Rural; Administracións Públicas e Xustiza; Economía e Facenda; Política Territorial, Obras Públicas e Transportes; Educación e Ordenación Universitaria; Cultura e Deporte; Vivenda e Solo; Pesca e Asuntos Marítimos; Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel; e Sanidade.

A estrutura das consellarías
A definición da nova estrutura da Xunta é o primeiro punto na axenda do executivo bipartito, que pretendería pechar ese proceso cara á mediados de mes, aprobando todos os nomeamentos nos consellos da Xunta que se celebrarían os vindeiros xoves 11 e 18 de agosto.

O PSdeG confirmou a vontade de que os propios conselleiros teñan liberdade para definir os seus equipos. Malia todo, dende o próximo xoves poderán poñer en común as súas propostas co partido, e en última instancia co presidente Touriño, quen tería a última palabra. Do mesmo xeito, existe a vontade de realizar unha xuntanza posterior a nivel do bipartito para consensuar co BNG eses nomeamentos e descartar a existencia de calquera tipo de problema ou fricción neste proceso antes da súa publicación. Pola parte dos nacionalistas, a Executiva tería a última palabra á hora de darlle beizón aos nomes achegados polos conselleiros.

Ao respecto, lembrámoslles que media ducia de secretarías xerais dependen directamente de presidencia e vicepresidencia, respectivamente. Trátase no primeiro caso da secretaría xeral de Política Lingüística, da secretaría xeral de Comunicación e da secretaría xeral para a Emigración. No caso da vicepresidencia que asome Anxo Quintana, dependerán de xeito directo a dirección xeral de Relacións Institucionais, a dirección xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social e outras derivadas da que viña sendo consellaría de Familia, Xuventude e Voluntariado, agás as competencias da dirección xeral do Deporte.


0/5 (0 votos)