Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EDITORIAL DE ''TEMPOS NOVOS''

A estratexia do cambio

O goberno do cambio xa é unha realidade. Socialistas e nacionalistas afrontaron con siso a transición. Formalizaron un proxecto ambicioso de rexeneración democrática, reforzamento do autogoberno e contrato social, sen o que Galiza nunca podería abandonar o estado autista no que a mantivo o fraguismo. Velaquí o Editorial completo deste mes da revista Tempos Novos.

- 07:38 04/08/2005
Tags:

O xa presidente Emilio Pérez Touriño e o vicepresidente Anxo Quintana negociaron con responsabilidade política un acordo que, desmentindo todos os agoiros do fundamentalismo mediático da Villa y Corte, asenta as súas bases na converxencia de dúas culturas políticas que teñen na socialdemocracia e no nacionalismo cívico as súas credenciais.

Empezan, pois, cos deberes ben feitos. Porque máis alá da subida ao poder, e do reparto de consellarías, o que primou na negociación entre ambas as dúas organizacións foi a maneira de darlle un acelerón democrático, político e social ao país. Que foi exemplar a maneira de debater ese programa de goberno, e de deseñar a estrutura da Xunta que o faga operativo, dedúcese do silencio co que a acolleron o PP e mais os medios de comunicación que lle seguen sendo fieis, dentro e fóra de Galiza. Nin sequera Acebes e Zaplana saíron da trincheira, desde a que libran miserables batallas antisecesionistas, para alertar dos supostos novos perigos que abre para España a vía galega. Á opinión pública quedoulle deste último mes un bo sabor de boca. A iso contribuíu a sensatez ou o sentidiño dos negociadores, por unha banda, e o pragmatismo e a xenerosidade política dos dirixentes do PSdeG e do BNG, pola outra.

Chegou a hora da verdade. A do autogoberno pleno, en primeiro lugar. O que comporta, de entrada, buscar a concordancia plural para a redacción dun novo Estatuto. Non só a preceptiva dos tres grupos parlamentares, tamén a dos máis diversos activos sociais. Porque, para facelo seu, a sociedade precisa estar motivada e que lle permitan seguir e participar ese proceso. Non só se vai conseguir ese grande e básico obxectivo con arrobas de intelixencia e de xenerosidade partidaria. Tamén con arrobas de pedagoxía política. A iso terán que contribuír os medios de comunicación. Os públicos e mais os privados, que non poden eludir como fan a cotío a súa condición de instrumentos ao servizo do ben público –por certo, o novo goberno debería retrotraer o proceso de concesións das televisións e das radios dixitais, que Fraga e o PP amañaron para compensar aos seus-. De se cumpriren estes supostos, chegarase sen dúbida a un verdadeiro estatuto nacional. Non por esencialista, malia que responda na súa raíz a canto nos define e singulariza no mundo, o que fará que sirva para alimentar o sentimento de pertenza a unha comunidade viva. Si porque establece as regras de xogo que decidimos entre todos, e que permiten vertebrar e modernizar política, social e culturalmente o país.

Con esa capacidade de decisión, que asenta no pobo galego como suxeito político con dereitos e deberes nun contexto de confirmada libre adhesión ao Estado e de voluntaria pertenza a Europa, exerceremos na práctica do día a día a nosa propia autodeterminación –ese plebiscito diario do que falaba Renán-. É como se debería entender a día de hoxe a construción da nación galega, sen que desesperen os fundamentalistas da españolidade, ou aqueles que, ancorados nun pasado autoritario e uniformizador, alegan para rexeitar ese afondamento no autogoberno que o do Estatuto non está na axenda da xente. Estar non estará, e non é de estrañar por canto vén de pasar por un período de dezaseis anos co autogoberno en stand bye, pero os problemas que si aparecen teimudamente nesa axenda dificilmente van ter solución sen un Estatuto actualizado e musculado.

Como podería este goberno progresista afrontar sen el o contrato que estableceu desde o mesmo día da súa toma de posesión coa cidadanía? No arranque do século XXI, coa revolución tecnolóxica e a dixitalización dos procesos de comunicación e información en marcha, e con canto impón as súas regras a ideoloxía da globalización sen apenas máis árbitro que o mercado, un país con escasas cotas de poder exclusivo, artesanalmente estruturado, afeito a vivir da caridade institucional, e cunha moi limitada capacidade de decisión para desandar ese camiño en dirección diametralmente oposta, morrería de inanición. Non abonda con que Galiza vexa compensada a súa condición periférica e de rexión obxectivo 1 cos estipendios que a UE e os seus Estados satélite reparten entre os pobres de solemnidade. Para facer operativo ese camiño de volta ao que se veñen de comprometer socialistas e nacionalistas, é imprescindible establecer un renovado campo de xogo, no que as estratexias –económicas, infraestruturais, culturais…- teñan a lexitimidade xurídica e política que precisan para resistir e competir en tempo de mudanzas. Participaremos así por dereito propio e sen complexos naqueles ámbitos de decisión, ora estatais ora comunitarios, onde se toman acordos que condicionan moi directamente o noso futuro.

A prioridade estatutaria non debera, porén, retardar as accións de goberno que máis rapidamente fagan notar o cambio. Para a esperanza de cantos, convulsionados pola sobrecarga de anestesia que recibiron neses dezaseis anos de fraguismo, urxen comprobar que reviven nun tempo novo. Queren sentirse libres, e que ninguén os empadroe contra a súa vontade. Queren participar activamente a prol de causas xustas e solidarias nos movementos cívicos sen verse penalizados. Nunca máis. Queren salvagardar como cidadáns a súa capacidade crítica, sen que os medios de comunicación sigan someténdoos, por complicidade co poder, ao terceiro grao da desinformación. E non estarán satisfeitos ata que homes e mulleres teñan igualdade de oportunidades e de trato no traballo e nos espazos de creatividade, de vida en definitiva. Todo o que comporta devolverlle á sociedade civil o poder que o fraguismo lle subtraera.

Porque é nesa tensión entre a cidadanía e o poder político onde o cambio –a antesala da Galiza democrática, aquela na que a política reconquista a súa autonomía ao servizo da sociedade e non ao servizo do partido no poder, a que vai ao encontro de si mesma poñendo en valor o potencial innovador que a fará competitiva- deixe de ser unha filosofía para converterse nunha estratexia colectiva.


0/5 (0 votos)