Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CUNHA NOVA MAIORÍA

Abre oficialmente unha lexislatura para "recuperar o protagonismo do Parlamento"

"Será noso obxetivo enriquecer a vida política para que os cidadáns se sintan orgullosos dos seus políticos (...) É nosa responsabilidade dignificar a vida política". Así o subliñou este venres a presidenta do Parlamento de Galiza, Dolores Villarino, no seu discurso durante a sesión oficial de apertura desta VII Lexislatura.

- 11:26 05/08/2005
Tags:

Dolores Villarino, nova presidenta do Parlamento e primeira muller que accede a este cargo, foi protagonista dunha sesión convocada en exclusiva para a declaración institucional de apertura de lexislatura. Villarino xa se referira en varias ocasións dende o seu nomeamento á necesidade de darlle novos aires á institución de cara a "convertela no epicentro da vida política do país".

Desta volta, insistiulles aos deputados en que "a dignidade dos galegos é a nosa dignidade" e dixo confiar "no sentido da responsabilidade" para traballar no relanzamento do protagonismo da institución parlamentaria. "Non podemos pretender que os cidadáns respecten aos políticos se non hai respecto entre nós por riba das lexítimas diferencias partidarias", lembroulles.

Villarino dixo agardar que os grupos parlamentarios "acepten con humildade e por Galiza este novo escenario logo de 16 anos dunha mesma maioría", subliñando que "a pluralidade da Cámara é un valor a protexer e promover". "Creo na forza da palabra, na súa capacidade para curar feridas e salvar distancias", afirmou.

Chamando a todos os deputados a traballar a prol dun "proxecto de país plural e solidario", Villarino destacou tamén o protagonismo do Parlamento cara ao deseño "dun novo marco de convivencia". En referencia ao debate sobre a reforma estatutaria, agoirou "un Estatuto que defenda a solidariedade entre persoas e territorios", para "vertebrar Galiza de forma cohesionada e corrixir os desequilbrios interiores e acadar o mesmo nivel e calidade de vida e benestar social para todos os cidadáns". "Será o Estatuto de todos, tendendo pontes e evitando enfrontamentos estériles", pediu.


Ligazóns

0/5 (0 votos)