Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ''OUTRA VÍA'' NO PSOE FRONTE AO DEBATE TERRITORIAL

Touriño e Chaves coinciden en advertir dos "défices de benestar" de Galiza e Andalucía

Aínda co aviso sobre as "carencias" no benestar dos cidadáns que Emilio Pérez Touriño e Manuel Chaves coincidiron en recoñecer que Galiza e Andalucía comparten, os dous mandatarios amosaron sutileza no seu discurso diante do debate sobre o modelo territorial. Ensaiaron así una postura intermedia aos estremos que dende o seu propio partido se veñen manifestando fronte ao conflito aberto polas posicións defendidas dende o tripartito catalán co aval do tamén socialista Pascual Maragall.

- 06:28 12/08/2005
Tags:

Touriño e Chaves referíronse tamén ao consenso de posicións diante da próxima xuntanza de presidentes autonómicos, o vindeiro mes de setembro, co financiamento sanitario coma eixo prioritario de debate.

O presidente da Xunta asegurou que a posición galega nesa cita prepárase arredor de tres principios fundamentais: "que se garanta capacidade normativa ás Comunidades Autónomas; que exista un fondo de compensación que garanta os servizos básicos a aquelas Autonomías que, como Galiza ou Andalucía, teñen unha capacidade impositiva de recadación menor; e que sexa capaz de temperar o crecemento do gasto sanitario, de xeito que non medre por enriba do PIB e no que o sistema de ingresos non quede por debaixo para non provocar un déficit e un desequilibrio".

Reformas estatutarias
"Os avances no recoñecemento da identidade non deben supoñer nin o mínimo recurte no afortalamento da igualdade dos cidadáns e a accesibilidade aos servizos públicos máis básicos", afirmou o presidente da Xunta este xoves, logo de recibir ao presidente andaluz, o primeiro mandatario autonómico que o visita despois da súa investidura. Touriño, unha vez subliñados os "défices" que arrastra Galiza, precisou que a súa aposta diante do debate do modelo de Estado pasa por un sistema "sen privilexios entre autonomías" e "sen afondar aínda máis nas desigualdades entre territorios".

Tanto Touriño coma Chaves destacaron coma prioridade os procesos de reforma dos estatutos de autonomía, camiño xa iniciado no caso de Andalucía, e coincidiron á hora de pedir que ese proceso "respecte o marco constitucional establecido" desde o "consenso" entre os partidos e "conxugando os principios de solidariedade e identidade". Tanto o presidente galego coma o andaluz esforzáronse por subliñar que o obxetivo último das reformas estatutarias sería a consecución do "máximo nivel de autogoberno posíbel" sen determinar situacións de "privilexio dunhas comunidades autónomas sobre outras" e cara un Estado "máis eficiente e útil cara ao benestar e a calidade de vida dos cidadáns".

Os dous mandatarios evitaron polemizar sobre o conflito da definición de nación ou sobre aspectos máis concretos no que lle toca ao modelo de financiamento, nos que o propio Chaves entraba hai pouco tempo, con certa belixerancia contra a posición do seu compañeiro de partido e presidente da Generalitat catalana. Chaves concedeu desta volta que "os cambios nos estatutos non poden ser fotocopias e deben atender ás particularidades de cada autonomía" pero advertiu que "independentemente dos feitos diferenciais noin debera haber privilexios dunhas autonomías sobre outras". Desta volta, Touriño reafirmou a "condición de nacionalidade histórica de Galiza" e a preocupación do executivo que lidera pola "identidade", destacando nese puntos que "os avances no recoñecemento desa identidade non recurtarán o afortalamento da igualdade dos cidadáns" e defendendo "políticas de cohesión e reequilibrio que reforcen a convivencia plural na nación española".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: