Na curta historia da cooperación ao desenvolvemento no Estado español Galiza tense situado nunha posición meramente testimonial, cuns orzamentos que a pesares dos aumentos paulatinos nos últimos anos se situan, no 2005, no 0,07% dos orzamentos autonómicos. Cando o novo goberno saido das urnas o 19 de xuño aínda apenas ten dado os primeiros pasos, xa se teñen tomado algunhas decisións que nos permiten ser optimistas co futuro. Un artigo de Emilio M. Martínez Rivas, presidente en funcións da Coordinadora Galega de ONGD.
O documento de acordo de goberno asinado polo PsdG-PSOE e o BNG fixa como obxectivo chegar ao 0,4% dos orzamentos autonómicos adicados a cooperación ao desenvolvemento ao fin da lexislatura (é dicer, multiplicar por mais de 5,5 os orzamentos do ano en curso, pasar dos seis millóns de euros actuais a mais de 40 no ano 2009). A segunda decisión importante, e coherente co incremento de fondos anunciado, é darlle á cooperación exterior o rango de dirección xeral, integrada na Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, dependente de Presidencia.
O novo goberno encóntrase con varios retos aos que deberá enfrentarse nos vindeiros meses:
-o primeiro é saber que é o que vai facer o Plan Director da Cooperación Galega, 2005-2008, que está no Parlamento e que uns dias despois ao anuncio da convocatoria de eleicións foi aprobado polo Consello Galego de Cooperación. Contar cun documento como o Plan Director é imprescindible para que o incremento de fondos poda estar respaldado por un plan de acción extratéxico que concrete as accións a realizar nos vindeiros anos.
-o incremento de fondos debe ser unha realidade xa nos orzamentos do ano 2006. Sen dúbida sería desexable que os vindeiros orzamentos recollan unha financiación para a cooperación ao desenvolvemento que doble as cifras do ano 2005 á vez que fortalece a capacidade propia da Xunta de Galicia para a sua xestión.
-a reorganización administrativa tamén deberá integrar á Fundación Galega de Axuda Humanitaria (que o PP creou baixo a responsabilidade da Consellería de Emigración) baixo a mesma responsabilidade que a cooperación ao desenvolvemento, co obxecto de dotar de coherencia todas as accións que desde o goberno autonómico se realicen co fin de levar a solidaridade galega a onde mais se necesita.
Estas son tres cuestións sobre as que as decisións deberán ser tomadas axiña, pero hai moitas mais, por exemplo, a composición do propio Consello Galego de Cooperación, actualmente cunha maioria dos seus membros pertecentes ao propio goberno galego o que non se corresponde co espíritu que a Lei Galega de Cooperación lle otorgaba, un lugar de encontro e debate entre os distintos axentes de cooperación...
Pero os maiores retos non son os que arriba están expostos, con ser importantes. O maior reto é o fortalecimento do sistema galego de cooperación, dos axentes que o compoñen (ONGD, empresas, universidades, sindicatos...) e a procura dun xeito de cooperación no que a sociedade galega se poda recoñecer e do que se poda sentir partícipe. ¿E que significa esto?. A aportación de Galicia á loita contra a pobreza pode facerse polo camiño facil ou polo difícil. O camiño facil significa que a maioria de fondos sexan transferidos aos axentes de cooperación ou a outros organismos oficiais, como a Axencia Española de Cooperación ao Desenvolvemento. Sen dúbida os proxectos que se financien serán bos proxectos, pero a participación galega será, na maioria dos casos, meramente financieira. E Galicia pode ter un papel moito mais activo, polo camiño difícil. O camiño difícil ten que ver con que Galicia, como pobo, como sociedade, ten moito que ofrecer, fraternalmente, aos pobos mais necesitados. Galicia conta con experiencias colectivas que teñen dado solución a moitos problemas e que poden aportar moito a sociedades que padecen problemas similares. Por poñer algún exemplo do que xa se fai: a Aula de Productos Lacteos da Universidade de Santiago de Compostela está formando a productores lacteos peruanos na fabricación de queixos, o Laboratorio do Territorio da mesma universidade, colabora coa Universidade Nacional de Loja (no sur de Ecuador) e con autoridades locais na realización dos catastros municipais; AGADER, coa colaboración de empresas galegas e grupos universitarios, colabora con entidades sociais e institucións de Ecuador na posta en marcha de plans de desenvolvemento rural... e os exemplos os poderiamos multiplicar no futuro, coa participación das ONGD galegas e doutras entidades sociais que acumulan experiencias moi valiosas. Fai un par de anos convidado por unha organización ecuatoriana, o Fondo Ecuatoriano Populorum Progresio, visitei un proxecto na provincia de Esmeraldas, na fronteira con Colombia, os problemas aos que se enfrentaban son múltiples, o arraxamento do manglar para instalar "camaroneiras", a explotación irracional do bosque por parte de compañias madereiras, a mesma pobreza extrema... pero o que mais me impresionou foi coñecer ás mulleres que vivian de recoller concha (un bivalbo que crian no manglar, con certo parecido aos nosos berberechos, e que me disculpen os biólogos/as que sei que a comparación non é moi científica). Os problemas aos que se enfrentaban non eran moi diferentes aos das mariscadoras do meu pobo, de Riveira, fai algúns anos: furtivismo, falta de organización nas vendas... e eu pensei: non seria interesante axudalas coa nosa experiencia nesta area?. Na mesma zona compartir algúns dias cos productores de cacao, coa xente da cooperativas agrícolas ás que Intermón Oxfam e a sua contraparte local o MCCH está apoiando, e pensei: canto poderiamos aprender deles. Porque a cooperación é eso: dar, pero tamén estar disposto a recibir, a aprender daquelas persoas ás que axudamos. Neste caso aprender da transparencia coa que xestionan as suas cooperativas, aprender de cómo, cunhas condicións ben diferentes ás nosas, e ben peores, se esforzan na formación dos lideres e das "lideresas"...
O reto mais importante do novo goberno, dos responsables do novo goberno na area de cooperación ao desenvolvemento, será sen dúbida, facilitar os medios, non só recursos financieros, senon tamén crear as condicións idoneas, para unha maior relación entre os diversos axentes de cooperación, respectando a independencia das organizacións sociais, apoiar a sua consolidación, facilitar a participación activa da sociedade galega na loita contra a pobreza, poñer a disposición dos pobos necesitados a nosa experiencia colectiva.