Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLENO DO PARLAMENTO

Touriño defende as medidas propostas polo goberno español para o financiamento sanitario

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, defendeu o conxunto de medidas propostas polo goberno español e debatidas a semana pasada na Conferencia de Presidentes sobre o financiamento sanitario. Touriño insitiu en que Galiza recibirá máis de 220 millóns euros para a sanidade grazas ás novas medidas, pero que "haberá que facer un esforzo serio na negociación" do novo modelo de financiamento sanitario que contemple as "características específicas da poboación asistida en Galiza": o envellecemento e a dispersión territorial.

- 12:39 13/09/2005
Tags:

O presidente da Xunta baseou a súa defensa das medidas en 4 razóns: que garanten a cláusula de solidariedade, favorecen unha inxección de máis recursos públicos, permiten unha maior capacidade normativa ás comunidades autónomas e abren a posibilidade do debate sobre o novo modelo de financiamento.

Pérez Touriño valorou positivamente a Conferencia de Presidentes e asegurou que nela chegaran a "un acordo satisfactorio" para a Comunidade galega que "permitirá abordar as deficiencias de financiamento sanitario dos pasados anos" e que "suporá unha garantía para os vindeiros anos", cando se "discuta e aprobe o novo modelo de financiamento autonómico". Segundo manifestou, a celebración desta segunda Conferencia de Presidentes é "extremadamente importante politicamente" e destacou que "se teña feito para resolver un problema que ocupa e preocupa aos cidadáns de Galicia e de España". "Galicia –engadiu- sae da Conferencia de Presidentes cunha posición positiva porque melloramos a situación financeira e obtivemos máis recursos" para financiar a sanidade pública.

Así mesmo, informou que na Conferencia de Presidentes se acordara abrir a revisión do sistema de financiamento autonómico e trasladou á Cámara galega a "necesidade de abordar conxuntamente qué posición terá Galicia nun acordo de futuro que garanta o que aspiramos a mellorar o noso sistema sanitario de financiamento". Neste sentido, comprometeu a súa disposición para "buscar o máximo acordo posible" no Parlamento galego verbo deste tema e ofreceu "o consenso e o esforzo polo pacto" aos distintos grupos.

  • Debate: BNG, PSdeG, PP
  • Anteriores: Plan Galiza, incendios, sanidade e altos cargos no primeiro pleno da lexislatura do cambio


  • 0/5 (0 votos)