Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLENO DO PARLAMENTO

Touriño propón un pacto polo territorio

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, propuxo esta mañá un Pacto polo Territorio dialogado entre as forzas políticas galegas que dea unha resposta "verdadeiramente eficaz" ante a situación de "desequilibrio" actual e que "permita planificar e ordenar os usos con criterios de sostenibilidade ambiental, económica e social". Un pacto que, segundo indicou Pérez Touriño, se apoie nunha directrices de ordenación territorial "axustadas ás necesidades do territorio" e baseado en dúas grandes áreas metropolitanas – Vigo e A Coruña , tres áreas urbanas -Santiago, Ourense e Lugo- xunto coas zonas semiurbanas e rurais.

- 10:22 14/09/2005
Tags:

Segundo o comunicado da Xunta, Pérez Touriño lembroulle a Fraga Iribarne que a evolución do país no último cuarto de século esixe dotar a Galicia dun artellamento territorial que fortaleza "a cohesión social e territorial", fronte ao "fracasado" modelo anterior, "alleo ás dinámicas económicas e demográficas do país".

O modelo do Goberno galego, segundo indicou o presidente da Xunta, artellarase entorno ás dúas grandes áreas metropolitanas galegas, Ferrol-Coruña-Carballo e Pontevedra-Vigo-Porriño, e ás areas das cidades de Lugo, Santiago e Ourense. A estas hai que sumar, como sinalou o máximo mandatario autonómico, as áreas semiurbanas xeradas en torno ás cidades e que, no caso da provincia de Lugo, serían a propia capital, a Mariña e o contorno de Monforte, alén da singularidade da montaña.

Como puntualizou Pérez Touriño, non se trata de modificar a estrutura xurídico-administrativa de Galicia -que divide a comunidade en provincias, comarcas e concellos-, senón de mellorar o modelo territorial existente a través dunha nova estrutura de "planificación de investimentos e priorización de accións". Como exemplo, manifestou o compromiso do Goberno galego de crear un fondo de reequilibrio "para que de agora en diante haxa unha verdadeira política rexional de ámbito galego vertebradora e reequilibradora do territorio".

O presidente informou da intención do seu Goberno de aprobar unhas Directrices de Ordenación Territorial de Galicia "verdadeiramente axustadas ás necesidades do territorio e baseadas nun desenvolvemento integral e cohesionado de Galicia". A través delas, o Executivo galego pretende converter o territorio "nun espazo de planificación, non de división, empregando esquemas funcionais para as grandes actuacións da Xunta". Deste xeito preténdese optimizar os recursos e potencialidades da administración "para que o cidadán teña mellores servizos e de maior calidade".

Críticas ao modelo anterior
O máximo mandatario galego recriminoulle a Fraga Iribarne que o Executivo que presidiu durante tres lustros deseñara un modelo territorial non axeitado ás necesidades de Galicia, senón "en función de criterios de partido e intereses clientelares". "Nós queremos dar resposta ás necesidades das novas fórmulas de agrupamento poboacional en materia de transporte, de usos de solo, de servizos e infraestruturas, necesítase un modelo moderno, de respostas ás demandas, de coordenación de Administración e institucións, áxil nos procedementos. Algo que vostedes non souberon, non quixeron abordar", puntualizou.

Asemade, Emilio Pérez Touriño lamentou que Fraga Iribarne ligara o debate sobre o modelo territorial co debate sobre a reforma do Estatuto de Autonomía. "Ligar inxustificadamente o debate estatutario con este debate nada ten que ver, é un despiste monumental seu": concluiu.


0/5 (0 votos)