Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLENO DO PARLAMENTO

Quintana comprométese a desmontar a "administración paralela" da Xunta de Fraga

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou que o novo goberno galego reduciu nun 20% o número de altos cargos da administración de Fraga nos primeiros corenta días de xestión. "Isto non fixo máis que comezar", engadiu, porque "aínda queda moito traballo para desmantelar a administración paralela" creada polo anterior goberno na que a maioría dos cargos teñen "contratos blindados". Quintana aseguroulle ao portavoz "popular", Núñez Feijoo, quen fixo unha pregunta sobre a promesa electoral de Quintana de reducir 1.000 altos cargos do goberno Fraga, que o departamento que dirixe xa diminuiu nun 50% o número de altos cargos "e iso que se asumiron competencias en catro das anteriores consellarías".

- 16:27 14/09/2005
Tags:

Quintana indicou que a Xunta "está no camiño adecuado" e que o traballo "aínda non rematou", porque hai que "desmantelar todos os chiringuitos varios que montou Fraga", en alusión ás fundacións e entidades creadas durante o anterior goberno. "Parécelle lóxico que o presidente dun deses organismos cobre máis que o presidente da Xunta?", preguntoulle ao deputado popular.

"Adelgazar e racionalizar a administración galega é un compromiso deste goberno que imos a cumprir", subliñou o vicepresidente, "isto non fixo máis que empezar", e engadiu que este compromiso do novo Goberno inclúe tamén "reducir o gasto para aforrar, por exemplo en propaganda". Neste apartado o vicepresidente reprochoulle ao anterior Goberno que "xa o gastaron todo" e sinalou directamente ao deputado popular Alberto Núñez Feijoo porque no seu departamento durante a pasada campaña electoral "contrataron propaganda por importe de 250.000 euros, 150.000 deles en medios de comunicación da provincia de Pontevedra, por onde vostede se presentaba".

Pola súa parte, Núñez Feijoo criticou que "só" se reducira até agora un alto cargo respecto do goberno anterior, ao pasar de 76 a 75. "Xa me dirá vostede onde vai sacar os 1.000 altos cargos e os 90 millóns de euros", retrucoulle a Quintana.

O deputado popular tamén sinalou que o que antes era a súa consellaría, a de Política Territorial, dividiuse en tres, "polo tanto, hai tres novos xefes de gabinete e tres xefes de prensa. Vaia redución", engdiu.


0/5 (0 votos)