Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON LUÍS BARÁ, DIRECTOR XERAL DE CREACIÓN E DIFUSIÓN CULTURAL

"Temos a obriga de facerlles un recoñecemento público ás vítimas da represión"

A creación dun Centro para a Memoria situado na Illa de San Simón e unha homenaxe nacional ás vítimas da represión durante a guerra civil e o franquismo son algunhas das propostas da consellaría de Cultura para converter o 2006 no Ano da Memoria. O director xeral de creación e difusión cultural, Luís Bará, salienta nesta entrevista que o novo goberno ten a obriga de recoñecer e homenaxear publicamente a todas as persoas represaliadas polo franquismo como expresión do seu compromiso coa rexeneración democrática.

- 12:51 23/09/2005
Tags:

Cales son obxectivos que se perseguen ao declarar o 2006 como Ano da Memoria?
A intención é expresar o compromiso inequívoco que ten o goberno galego e a consellaría de Cultura na recuperación da memoria histórica. É, para nós, unha obriga ética e democrática. Esta nova etapa de goberno debe comezar por render homenaxe e facer xustiza con todas as persoas que sufriron a represión por defender valores que hoxe en día están plenamente recoñecidos. O feito de que teñamos hoxe unha democracia e un goberno autónomo débese en grande medida á loita e ao compromiso de todas esas persoas. Parecíanos obrigado dentro do mandato de rexeneración democrática vencellado ao cambio político facer esta homenaxe e fundamentar todo o programa político e cultural a partir deste recoñecemento.

Cre que as vítimas da represión franquista tiveron suficiente recoñecemento por parte dos gobernos democráticos?
Creo que foi unha cuestión mal resolta a raíz do pacto de esquecemento que tivo lugar durante a transición entre a maioría das forzas políticas. Foi un erro histórico, porque aquel era o momento oportuno para facer un recoñecemento público, político e institucional, das vítimas e dos represaliados polo franquismo. Nós temos a obriga de facelo agora. Temos tamén a responsabilidade de ser continuadores e herdeiros de todo o traballo social que se foi facendo ao longo destes anos e que mantivo viva esa reivindicación. Nós agora queremos darlle ese protagonismo e a importancia social que debe ter.

A que se vai dedicar o Centro da Memoria que se pretende poñer en marcha na Illa de San Simón?
A Illa de San Simón é un espazo que ten un gran simbolismo. Foi unha prisión ou campo de concentración na que estiveron detidas máis de 2.000 persoas, das que foron executadas máis de 600. Queremos convertela no centro de referencia da recuperación da memoria histórica e vai ser un espazo central para todas as actividades do Ano da Memoria. Pero queremos darlle continuidade a estas actividades e para isto queremos crear este centro que aglutine todos estes traballos de investigación, de documentación, tanto en arquivos como de recuperación da memoria viva. Tamén queremos que sexa o espazo central de divulgación. Este centro botará a andar no 2006, pero será un centro para o futuro.

O programa de actividades para o próximo ano inclúe unha homenaxe ás vítimas da represión. En que vai consistir?
Tamén houbo un gran esquecemento na rehabilitación da Illa de San Simón que foi precisamente o das vítimas e dos seus familiares. Queremos que un dos actos centrais do 2006 sexa unha gran homenaxe ás vítimas da represión, na que queremos que participen todos os colectivos, asociacións e entidades que levan tempo traballando neste tema e os familiares dos propios presos que estiveron alí. Esa homenaxe será un gran acto nacional para facer xustiza a súa memoria. Aparte queremos que quede memoria e constancia permanente do que foi a Illa ao longo da súa historia, pero en concreto durante ese periodo, cun monumento que lembre ás vítimas da represión.

Tamén queremos deixar claro que esta é unha homenaxe non só as vítimas da represión que foron asasinadas, senón tamén a todas aquelas persoas que sufriron as consecuencias da represión, desde aquelas que foron expulsadas dos seus postos de traballo, que foron humilladas ou violadas, as que lles foron incautados os seus bens ou tiveron que tomar o camiño do exilio. Calquera persoa, en definitiva, que fose represaliada en razón das súas ideas.

Cal vai ser o papel dos investigadores e dos colectivos que desenvolven o seu labor arredor da recuperación da memoria histórica?
Estamos establecendo os primeiros contactos co ámbito académico e universitario e tamén con todo ese tecido asociativo moi numeroso que se artellou arredor da recuperación da memoria histórica. Estamos facendo un inventario de todas esas asociacións, moitas delas de carácter local, e queremos convocalas a un encontro no vindeiro mes de outubro para presentarlles esta proposta, coñecer o traballo que veñen facendo, recoñecer ese labor e contar con todo o seu caudal de xenerosidade e compromiso. A partir de aí, enriquecer a programación institucional con todas esas achegas e poder colaborar cos múltiples actos que xa están previstos para o ano que vén por parte destes colectivos.


0/5 (0 votos)