Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DE CINEMA DE DONOSTI

Retorno ao pasado

O xurado outorga a Cuncha de Ouro ao filme checo 'Stesti' encabezando un palmarés gris e vello que ignora as únicas dúas propostas estimulantes exhibidas a concurso. O balnzo final do festival de cinema de Donosti trazado polo crítico e blogueiro Martin Pawley.

- 13:24 25/09/2005
Tags:

Nada de Terry Gilliam, o autor dese "Tideland" que algúns odian moitísimo por ser visceral e trangresor e que proporcionou, malia os seus defectos, os únicos intres de vida e bravura entre os filmes a concurso. Nada de Michael Winterbottom, un tipo que a min me inspira moi pouca simpatía pero que me fixo rir e gozar coa intelixente 'Historia de pirola e touro', un exercicio liberador de adaptación literaria brillante e irrespetuosa. Nada de risco e nada de ousadía nun palmarés cuxa tristeza responde ben ao que foi a nefasta sección oficial deste 2005. Pero iso é o que hai, e así temos que aceptalo: debemos tragar coa cuncha checa e case dar grazas a Anjelica Huston e compañía por non premiaren a horrenda 'Juanita Narboni'. En fin.

Xa llelo dixen hai uns días, pero podo insistir Stesti (Algo como a felicidade), de Bohdam Slámam, é un filme prehistórico, innecesario, argumentalmente pobre e formalmente covarde, un mil veces visto retrato de xentes humildes nun bairro obreiro. Déronlle tamén a Cuncha de Prata á mellor actriz, Ana Geislerová, que encarna á desquiciada e desagradecida veciña de vida algo axitada e cuns fillos pequenos que parecen saídos da película 'A profecía'. Paréceme mais eficaz o contido traballo da que é a verdadeira protagonista, Tatiana Vilhelmová, pero infelizmente eu non formaba parte do xurado.

Descoñezo por cal dos seus dous xestos lle deron a Juan José Ballesta a Cuncha de Prata ao mellor actor por Sete virxes, a peli esa dos adolescentes macarras, na que resulta unha das decisións mais estúpidas deste palmarés. Ridículo o Premio Especial para Iluminados polo lume que xustifican dicindo que é "un filme que transporta con emoción e intelixencia o tráxico sensentido da guerra e o efecto da memoria dunha experiencia dorosa na vida cotiá da xente". Emoción, pouquiña; intelixencia, menos, e iso do sensentido da guerra non é precisamente un grande descubrimento do arxentino Tristán Bauer. Imaxino que o moi cargante Gastón Pauls, presente na sala, estará ben satisfeito con este galardón.

O culebrón chinés Xirasol levou o premio á mellor fotografía (para Ion Lin) e outro para o seu director, Xan Ian, recompensando a nula inventiva exhibida ao longo de dúas horas que se fan eternas. Menos irritante é o recoñecemento ao guión de Verán en Berlín, escrito por Wolfgang Kohlhaase, un filme de visión agradábel pero que tampouco é precisamente imprescindíbel.

E iso foi todo. Ou case. Porque non, non podo despedirme con este mal sabor de boca. Non podo marchar sen dicirlles que vaian ver en canto se estree o estupendo documental Viva Zapatero!, de Sabina Guzzanti, un vibrante traballo ao estilo Michael Moore que revisa con infinita mala uva o control dos medios de comunicación por parte de Silvio Berlusconi en Italia. Fica un con moi mal corpo, créanme, e coa convición de que é fácil que unha situación así poida darse en calquera outro país ante a desidia da clase política e a desinformación da maior parte dos cidadáns. E tampouco podo irme sen dicir, alto e claro, que o último de Woody Allen, "Match Point", é unha obra mestra indiscutíbel que supón un inagardado xiro na filmografía do cineasta. Seca, áspera, dura, atrevida, practicamente sen ningún xesto de humor, Match Point é unha nova proba da capacidade que ten este xenio para reinventarse, empregando a violencia como recurso para rematar a historia e construír con ela un discurso ideolóxico de enorme potencia. Un Woody Allen afastado dos clixés e os recursos que o fixeron universalmente coñecido, que somete o espectador á perversidade de se identificar cun asasino, e que vai arroupado por un excelente reparto no que sobresae o protagonista, un colosal Jonathan Rhys-Meyers, adorábel e odiábel a partes iguais.

Da inimaxinabelmente parva película de clausura, The World's Fastest Indian, dirixida por Roger Donaldson, mellor pasamos. Xúrolles que eu nunca vin un filme onde o personaxe principal, encarnado por Anthony Hopkins, teña tanta sorte e lle saia todo tan ben: as mulleres déitanse con el sen moito insistir, regálanlle cartos, déixanlle participar en competicións para as que non cumpre ningún requisito, axúdalle toda clase de xente, desde un travesti dos Ánxeles até un indio que atopa nunha estrada... Hoxe en día é que fan filmes de calquera cousa, xa ven.

PALMARÉS COMPLETO

• Cuncha de Ouro: "Algo como a felicidade", de Bohdam Sláma (República Checa)
• Premio Especial do Xurado: "Iluminados polo lume", de Tristán Bauer (Arxentina)
• Cuncha de Prata ao mellor actor: Juan José Ballesta por "7 Virxes" (España)
• Cuncha de Prata á mellor actriz: "Ana Geislerová por "Algo como a felicidade" (República Checa)
• Cuncha de Prata ao mellor director: Xan Ian por "Xirasol" (China)
• Premio do Xurado á mellor fotografía: Ion Lin por "Xirasol" (China)
• Premio do Xurado ao mellor guión: Wolfgang Kohlhaase por "Verán en Berlín" (Alemaña)
• Premio Altadis-Novos Directores: "Odgrobadogroba", de Jan Cvitkovic, "pola intelixente combinación de comedia e drama a través duns personaxes que nos sorprenden constantemente nunha película chea de vitalidade". Mención especial a "El taxista ful", de Jo Sol, pola capacidade de transmitir cunha orixinal estrutura creativa, contidos humanos e políticos moi sólidos".
• Premio Montblanc de novos guionistas: Kang Yi-Kwan por "Sa-Kwa" (Corea do Sur)
• Premio Horizontes: "Toro negro", de Carlos Armella e Pedro González-Rubio (México), "porque obriga a reflexionar sobre a complexa relación entre épica e estética no cinema". Mención especial a "Monobloc" polo valor da súa expresividade poética, e a "How the Garcia girls spent their summer" polo xeito sensíbel e fresco de abordar o tema da sexualidade feminina a calquera idade".
• Premio TCM do público: "Holy Lola", de Bertrand Tavernier (Franza)
• Premio Volkswagen da xuventude: "Aupa Extebeste!", de Asier Altuna e Telmo Esnal (España)
• Premio da FIPRESCI: "Tideland", de Terry Gilliam
• Premio SIGNIS (Sección Oficial): "Sud Express", de Chema de la Peña e Gabriel Velázquez. Mención especial SIGNIS (Zabaltegi) para "A cova do can amarelo", de Byambasuren Davaa.
• Premio Círculo de Escritores Cinematográficos: "Je ne suis pas là pour etrê aimé", de Stéphane Brizé.
• Premio "Cine en construción": "É proibido proibir", de Jorge Durán (Brasil).
• Premio "Cine en movimento": "Mariage du loup", de Jilani Saadi (Tunicia).


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: