O pasado luns, 3 de outubro, deu comezo na cidade a Semana Literaria do Premio Esquío. A iniciativa, promovida pola Fundación Caixa Galicia en colaboración coa Sociedade Cultural Valle Inclán, finalizará o xoves co fallo do XXV Premio Fundación Caixa Galicia Esquío. Ata que chegue esa data, desenvolverase en Ferrol un completo programa de actos que inclúe conferencias das escritoras Ana María Matute, Soledad Puértolas e Teresa Moure.
O obxectivo do certame é a promoción da creación poética, tanto en galego como en castelán. Ao longo dos seus 25 anos de existencia, este premio literario tense establecido como un dos máis prestixiosos a nivel internacional. Así o amosan os numerosos traballos presentados en cada convocatoria, dende diferentes países do mundo. Na edición de 2005 optan ao galardón 144 traballos –42 en galego e 102 en castelán-.
Os organizadores desta semana literaria, que se desenvolverá por primeira vez na sede da Fundación Caixa Galicia, elaboraron un completo programa de actividades. Este deu comezo o luns día 3, cunha conferencia a cargo da escritora Soledad Puértolas.
O martes 4 será a quenda de Teresa Moure. Doutora en Linguüística Xeral, exerce a docencia nas facultades de Filoloxía e Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Moure ten publicado máis dunha ducia de traballos sobre a súa especialidade, así como ensaios –A palabra das fillas de Eva, Outro idioma é posible, premio Ramón Piñeiro de ensaio 2004- e novelas –A xeira das árbores, premio Lueiro Rey de novela curta 2004, Herba moura, premio Xerais de novela 2005-. A partir das 20:00 horas, Teresa Moure ofrecerá na sede da Fundación Caixa Galicia a conferencia Por unha nova estética da natureza.
No mesmo escenario, Ana María Matute protagonizará a xornada do día 5. As obras de narrativa desta escritora, traducidas a máis de vinte idiomas, teñen colleitado galardóns como o Café Gijón, Premio da Crítica, Premio Miguel de Cervantes, o Nadal ou o Planeta, entre outros. Matute, elixida membro da Real Academia Española en xuño de 1996, ofrecerá unha charla a partir das 20:00 horas.
O xoves, como peche de esta semana das letras, terá lugar o fallo desta XXV edición do Esquío. A cerimonia dará comezo cun concerto do violoncelista Carlos Ariel Gracia Báez. Ao seu remate procederase á lectura da acta e a apertura das plicas para coñecer o nome dos gañadores do galardón. Cada un dos primeiros premios, nas modalidades de lingua galega e castelá, están dotados con 9.000 euros e a publicación da obra na colección Esquío. A entrega dos galardóns e a presentación das obras gañadoras terá lugar no mes de decembro.