Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AMEAZA AO DESENVOLVEMENTO

A peneira de corruptos amosa unha maioría de países suspensos

Dúas terceiras partes dos países analizados obtiveron puntuacións por baixo do 5, percibíndose xa que logo altos niveis de corrupción dentro das súas fronteiras, e de feito, a maioría deles mesmo puntuaron por baixo do 3, segundo a peneira de Transparency International. Países coma Finlandia, Islandia ou Dinamarca repiten na cima da lista coma os menos corruptos, mentres que Chad, Bangladesh e Turkmenistán serían os que sofren unha maior corrupción. O Estado español aparece no posto 23, cun Índice de Percepción da Corrupción do 7'0, datos unha décima peores que os do informe 2004.

- 09:36 18/10/2005
Tags:

Reducir as axudas financieiras que lle obrigan ao país receptor a contratar servizos do país donante, limitando as oportunidades locais e combinar o aumento de axuda ao desenvolvemento co apoio ás reformas lideradas por países receptores son recomendacións específicas da organización Transparency International para os países máis ricos. Para os máis pobres, recomendan reforzar a vontade política de adicar máis esforzos á loita á corrupción permitindo un maior acceso público ás informacións sobre orzamentos, ingresos e gastos.

Advirten en todo caso que factores de risco coma son o secretismo dos gobernos, influencia inaxeitada dos grupos de elite e financiamento político confuso, son exemplo de factores que lle afectan de igual modo a países ricos e pobres. Así, e de xeito xenérico, chaman á comunidade internacional a comprometerse coa ratificación e co seguemento da situación segundo os criterios da Convención da ONU Contra a Corrupción, a Convención Anti-Suborno da OCDE e as convencións rexionais da Unión Africana e da OEA.

Ao norte, os recantos menos corruptos do planeta
O ámbito europeo ofrece os mellores datos, con maioría de países nórdicos na lista de menos corruptos: Islandia, Finlandia, Dinamarca, Suecia, Noruega... Entre os dez primeiros clasificados acceden tamén Nova Celandia, Singapur e Australia.

"A corrupción é unha das maiores causas da pobreza e representa á vez unha barreira para combatela", avisou durante a presentación do informe 2005 Peter Eigen, presidente de Transparency International, "corrupción e pobreza aliméntase unha á outra e atrapan os pobos no círculo vicioso da miseria", denunciou. O colectivo internacional advirte que os Obxetivos do Milenio fixados pola ONU están sendo freados pola corrupción e que esta debe ser combatida para garantir o éxito dos plans de desenvolvemento.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: