Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

Unha comisión da Xunta analizará as contas do último goberno Fraga

O Consello da Xunta aprobou a creación dunha unidade técnica especial encargada de realizar un informe sobre a situación económico-financeira da Xunta no periodo 2004-2005 co obxectivo de que o goberno galego dispoña dunha "visión clara e detallada" das contas públicas e proceder, se é o caso, a unha revisión do Plan de Saneamento Finaceiro pactado co goberno do Estado. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sinalou que amais desta unidade específica -que estará dirixida polo conselleiro de Economía, se creará unha comisión de expertos "de recoñecido prestixio" que se encargará de asesorar e actuar como auditor externo do traballo dos técnicos.

- 15:46 27/10/2005
Tags:

O obxectivo é presentar o resultado dos traballos desta unidade técnica a finais de abril do vindeiro ano, cando xa estean liquidados os exercicios de 2004 e 2005, para así "coñecer a situación real" da Comunidade e "revisala a fondo para tirar conclusións".

Entre elas podería figurar a revisión do Plan de Saneamento Financeiro establecido no Consello de Política Fiscal e Financeira que fixa un endebedamento de 140 millóns para este ano. Ao respecto, Touriño avanzara que manter as previsións pactadas co goberno español pola Administración anterior supuña unha "mensaxe de tranquilidade" tras o cambio do 19 de xuño.

Touriño insistiu en que esta é unha medida baseada na "prudencia" e que o único que se persigue é "coñecer con exactitude a herdanza económico finaceira das contas". "É o menos que lles debemos ás forzas políticas e aos cidadáns que nos representan".

O presidente da Xunta confirmou que o remanente negativo do peche do ano pasado ascende a 485 millóns de euros, "que non é unha cantidade pequena", e que, ademais, existe un défice contabilizado de preto de 100 millóns.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: