Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE DO NOVO ESTATUTO PARA CATALUÑA

Carod pídelle a Zapatero que sexa valente

O líder de ERC, Josep Lluís Carod Rovira, pediulle ao presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, que "sexa valente fontre aos que proclaman o medo e a mentira" e advertiu que "se agora non pechan esta porta, que outras portas non deixan abertas". Na intervención no Congreso no debate de admisión a trámite do proxecto de novo estatuto para Cataluña, Carod afirmou que Cataluña é unha nación, "como o asumen os cataláns que se senten españois e cataláns e os que só se senten cataláns". Carod-Rovira asegurou que, despois de tantos avatares históricos "Cataluña continúa existindo pola vontade das súas xentes" e tendeu a man a un diálogo baseado "no imperio da razón e non na ameaza do conflito".

- 13:12 02/11/2005
Tags:

Carod-Rovira defendeu a necesidade da reforma do Estatut "para facer fronte aos desafíos dunha sociedade moderna e democrática do século XXI". De feito, segundo Carod, o Estatuto actual non recolle ningún apartado sobre a relación de Cataluña coas institucións europeas, nin sobre a problemática da inmigración, as novas tecoloxías nin as grandes infraestruturas. Todos estes asuntos están recollidos no novo Estatuto e por ista razón, para Carod, este proxecto convértese "no instrumento imprescindíbel para garantir a mellora das condicións de vida dos cidadáns".

"Non é un Estatuto contra ninguén nin de confrontación, senón de diálogo", afirmou Carod, e "persegue un modelo de convivencia con todos os pobos do Estado". O líder de ERC utilizou a metáfora da "casa común" para concluír que "imos compartir a casa, pero en igualdade de dereitos".

Carod fixo unha ampla referencia ás "mentiras e tópicos" que só buscan o "interese electoral" e mostrou o seu cansazo por escoitar nos medios de comunicación españois e aos representantes políticos das formacións españolistas os mesmos argumentos contra Cataluña "que se ouvían a comezos do século XX". "Cansa tanto dicir obviedades década tras década", engadiu Carod Rovira, quen asemade preguntou: "Por que razón os mesmos que nos chaman españois nos tratan como estranxeiros?".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: