Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AS CAUSAS DA REVOLTA NOS ARRABALDES DE PARÍS

Morrer para nada

Centos de persoas pertencentes á comunidade africana de París levan os últimos nove días con disturbios nas rúas. Estes incidentes provocounos a morte de dous mozos de orixe africana. Bouna Traoré, de 15 anos e Zied Benna, de 17, electrocutáronse nunha subestación de Clichy-sous-Bois cando liscaban da policía. Un terceiro rapaz que finalmente non morreu contou que corrían cheos de medo porque estaban no lugar dun atraco cando chegou a policía. Os xendarmes porén din que non teñen culpa ningunha da morte dos rapaces. É ben sinalar que ningún deles era inmigrante. Os seus avós e se cadra seus pais si, pero eles naceran en Francia e eran cidadáns galos. A cotío menciónase que os "inmigrantes" son un problema en por si, co que se agrava a súa exclusión para a maioría da sociedade francesa. Un artigo de Sokari Ekine.

- 16:13 08/11/2005
Tags:

Os rapaces non posuían antecedentes criminosos, nin tiveran problemas coa policía. E lo, por que corrían? A explicación que dá Laurent Levy en Indymedia París é moi plausíbel: o horríbel racismo que caracteriza a policía francesa. Os rapaces sabían o que lles pasaría se os apreixaban e lles reclamaban a documentación. Arriscábanse a que os detivesen e que os mantivesen varias horas na comisaría con distintas humillacións (e non é necesario ter moita imaxinación para saber qué tipo de vexacións poderían sufrir os mozos). Era tarde, e querían ir para a casa, que as familias agardaban por eles. Levy tamén se pregunta por que o ministro do Interior Nicolas Sarkozy, nas súas declaracións, comentara que o drama se producira logo da comisión dun delito onde estaban implicados outros mozos "coma eles". Ou sexa, africanos e árabes.

Tras a morte dos dous mozos, o xoves comezaron dous días de disturbios. O sábado, algúns membros da comunidade, querendo calmar a situación, organizaron unha marcha silenciosa na memoria dos adolescentes. Á tarde, uns 150 rapaces africanos reuníronse co alcalde para falar do que pasara. O alcalde avaliou o custo dos danos e desperfectos, pero non fixo ningunha referencia á dura actuación policiaria. Os mozos enfadáronse moito coa xendarmaría, coa represión e coa aldraxante linguaxe coa que se referiron ás súas nais, "unhas baldreus".

A policía comezou a chegar con armas para disparar bólas de goma e despregáronse provocando as multitudes. Dixéronlle a un irmán dos mortos que marchase para a casa. Deu tres pasos cara á policía e estes comezaron a disparar botes de gas de lacrimóxeno. Ao outro día, ás 8:30 do serán do domingo produciuse outro incidente nas proximidades da mezquita local. Pero nesta ocasión, conforme a rede blogueira Netlex, a situación calmou aínda que a presenza policiaria seguise sendo intensa na área. Non se sabe moi ben como nin por que, pero a policía de súpeto comezou a guindar granadas lacrimóxenas e unha delas caeu no interior da mezquita na hora das pregarias. O templo estaba cheo de familias. Houbo escenas de pánico, con toda a mezquita a fume e coa xente a berrar, tusir e correr. Este feito desencadeou novas protestas na rúa, que se seguiron producindo dende aquela e que se estenderon a outras cidades francesas.

Di Tarik Ramadan, un dos máis prestixiosos dirixentes do liberalismo musulmán: "Gustaríame lembrar ben os feitos. Houbo demasiados comportamentos agresivos, insultos e enfrontamentos entre a xente que vive neste barrio. O domingo había policías que foran aló para 'hostiar negros', e iso hai que dicilo como foi. Insultaron a moitas mulleres. Os policías chegaron a guindar un explosivo lacrimóxeno na mezquita. E a violencia regresou". E engade: "Francia é un estado, si, pero non se sabe se é un estado de dereito. Pídolle ao goberno unha mensaxe para nos tranquilizar. Tranquilícennos". (Libération).

Estas protestas na rúa lembran as das cidades do interior de Inglaterra a mediados dos oitenta, cando as tensións raciais pasaron ao primeiro plano e os pretos se botaron ás rúas para loitar contra a policía. Daquela detiveran moitos mozos negros. As razóns eran ben similares ás dos africanos do norte e do oeste na Francia de hoxe: menor nivel educativo, desemprego, vivendas en terríbeis condicións e a piques de derrubarse (houbo tres incendios provocados en edificios onde vivían negroafricanos neste mesmo ano), exclusión do proceso político sen representación nin no goberno nin na policía, racismo institucionalizado, policías racistas que acosan sistematicamente os mozos pretos e magrebís, a criminalización dos veos e os panos na cabeza...

O blogueiro senegalés SEMEt (Faísca negra), explica cómo se senten as minorías na Francia de hoxe: "Francia ten que poñerse ao carro. É un lugar cada vez máis desagradábel, polo racismo crecente e polo chovinismo e a xenofobia. Os malos tratos aos africanos e ás minorías en xeral, coma os incendios dos edificios e as expulsións constitúen dende o noso punto de vista violacións dos dereitos humanos. Temos que fixarnos na impresionante suba da Fronte Nacional nas últimas eleccións coma un síntoma do estourido social que pode sufrir Francia".

Noutras palabras, estes dous feitos xuntos, os abusos contra a poboación e mais a popularidade da Fronte Nacional de Le Pen, explican o que está a suceder en París e noutras cidades do estado francés.

A resposta gobernamental foi animar a policía a que empregase métodos máis duros de control, mesmo con armas. Un vídeo de Afrik.com amosa policías de paisano disparando sobre civís nas rúas de París. O seu intransixente rexeitamento a asumir a degradación social e económica en que se moven as comunidades das minorías proba o fracaso francés para afrontar as relacións interétnicas. O ministro do Interior, Nicolas Sarkozy, aínda encirrou máis a situación describindo os mozos como racaille: xentalla. "Xa estades fartos, xa estades fartos desta xentalla. Ímosvos librar deles". A rede de blogs Netlex criticou que, ao imitar a linguaxe da extrema dereita, Sarkozy estivese a estigmatizar esa 'xentalla': "o ministro xoga a ser o bombeiro pirómano".

Un dos factores máis interesantes que están a xurdir na bloguesfera e nos medios maioritarios é que se comeza a falar de "terroristas", "islamistas" e "fundamentalistas". LittleGreenFootballs menciona un xornal francés escrito en inglés, Expatica, que denomina un grupo alxeriano coma o 'inimigo público número un de Francia'. "A única vía para conseguir que Francia aprenda é a iihad e o martirio islámico": velaí a mensaxe que deixou a comezos de mes na rede Abu Mosab Abdelwadud, tamén chamado Abdelmalek Durkdal, xefe dese grupo. O informe chega a dicir que nove das persoas arrestadas pola policía francesa o luns formarían parte supostamente deste grupo: o GSPC (Grupo Salafí de Oración e Combate).

Outro blog, o AndrewSullivan.com, menciona unha reportaxe do New York Post que remata dicindo que "esta é unha guerra relixiosa: a do fundamentalismo contra a secularización. E Chirac está a descubir que non hai xeito posíbel de apouvigala".

Palemtto Pundit tamén fai referencias ao terrorismo e ao Islam. Este tipo de linguaxe é incendiaria e aparta das verdadeiras causas da desafección e a marxinalización das minorías étnicas en Francia. Unha das preguntas é quen se beneficia de espallar estas informacións cando en realidade os líderes musulmáns tentaron con claridade de calmar a situación. A bloguesfera magrebí (Marrocos, Tunicia e Alxeria), agás The Moor Next Door calaron sorprendentemente sobre a cuestión. Por que?

Haberá xente que diga que nada xustifica os altercados e os actos vandálicos que están a ter lugar. Abofé. Pero non creo que esa sexa unha práctica especialmente construtiva mentres eses enfrontamentos están sucedendo, nin que axude a entender por que se están a producir. O que está a acontecer en Francia vénse cocendo durante os últimos trinta anos. A xente, e especialmente os mozos, baten constante e continuamente co racismo e a marxinalización na súa vida diaria nos Estados Unidos, en Palestina, na Sudáfrica do apartheid ou en Bolivia, e tarde ou cedo toman as rúas. As liortas son a parte visíbel dunha suma de experiencias e incidentes nun determinado período de tempo, e non pasan por que si e sen ningún motivo. Francia terá que enfrontarse á realidade se non quere que os conflitos nela e en toda Europa se polaricen máis e máis.

  • Un artigo de Sokari Ekine, publicado en Global Voices. Tradución de Vieiros.
  • A versión en catalán en Vilaweb


  • Ligazóns

    0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: