Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Ferro Ruibal: "É unha patoloxía específica de Galiza ese odio á aldea"

O profesor e académico Ferro Ruibal lembra que o patrimonio oral é un tesouro de "experiencia, pensamento e estética" (esta última nun sentido ambivalente: unha vez que se escaldou, as mulleres de Rebón non agardaron ao médico e curárono a base de baños remudados de clara de ovo), recomenda poñérmonos ao acubillo dos novos códigos culturais para manter viva a tradición e espeta, encol da aculturación da sociedade tradicional galega no seu trafego cara á cidade, que o odio á aldea é unha "patoloxía específica" do país. Ferro Ruibal, membro da RAG, estudioso da fraseoloxía galega, é autor de ensaios como A igrexa e a lingua galega (1988), Cadaquén fala como quen é: reflexións verbo da fraseoloxía enxebre (1996) ou Esquelas e lápidas en galego: galegos de por vida (1998).

- 11:44 14/11/2005
Tags:

Tamén valora o risco que supón para a candidatura galego-portuguesa non termos adubiado "de maneira exhaustiva e presentábel", en todos estes anos, o noso patrimonio. "Se a desexada declaración se producir, a Cidade da Cultura xa tería unha primeira función", di. O grupo de traballo de Ferro foi poñendo na rede (en .pdf) diferentes coleccións de refráns (Taboada Chivite, Murguía, Lois Carré, Gumersindo Placer ou Vázquez Saco) que por xunto suman 32.000. Se o 25 de novembro non se torcen as cousas, habilitarán unha base de datos de 20.000 cantigas para facer buscas por palabras.

Vieiros: A que chama vostede Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués? Ferro Ruibal: Ao conxunto de realidades que o home creou para expresar a súa visión do mundo e mellorar a súa súa calidade de vida nesta parte do planeta, e que non se poden tocar coas mans. Non serían os cestos senón a arte dos cesteiros. Sería, en lei dereita, toda a tradición oral (refráns, adiviñas, cantigas, romances, contos, lendas, ensalmos), pero sería tamén a estensa terapéutica popular; e toda a tradición de seráns, antroidos, maios...Todo ese patrimonio inmaterial, en boa parte, é común a toda a Romania pero, naturalmente, Galicia e o Norte de Portugal ou, se queren, a terra dos hórreos, presenta unha maior afinidade.

Moitas das cantigas populares son comúns a toda a fachada atlántica. Como poderiamos conservar esas concorrencias fóra dos estudios filolóxicos de época?
A banalización leva a que nas sobremesas só cantemos o mira Maruxiña mirá, mira como veño, cando o cantigueiro expresa tódolos sentimentos humanos e ten pezas de extrema delicadeza. Pero as afinidades dos cantigueiros superan as fronteiras da antiga Gallaecia, estamos aínda lonxe de podermos establecer fronteiras. ¿Como conservalas? Primeiro hai que crear ocasións de cantar, reparando nas posibilidades dos medios de comunicación, pero hai que seguir creando na estética de hoxe. Os cantores ao desafío de Portugal e os repentistas do Brasil teñen máis vitalidade cós nosos regueifeiros, pero xa hai xente nova tirando pola regueifa cara ao hip-hop. A parte positiva do Luar fixo que rompesen o silencio mozas de 70 anos que aínda saben repentizar, e fano sobre asuntos tráxicos coma o do fillo drogadicto.

Máis actualmente, entre as coleccións de contos populares de Bento da Cruz, de Trás-os-Montes, e os ensaios de Camiño Noia sobre a función da tradición oral en Galicia, a partir dos relatos que lle enviaban os seus alumnos, media algo máis ca unha lóxica de proximidade?
No campo dos relatos hai tres parcelas. Primeiro, a recolleita, que en Galiza comeza moi tarde: aparecen contos soltos na fin do XIX, e a recolleita sistemática empeza na segunda metade do XX, xa coa emigración e a urbanización en marcha. A segunda parcela é a revitalización. Felizmente naceu a actividade dos contacontos, un experimento urbano con nomes que xa inspiran admiración. A terceira é a reelaboración. Eu desexo que algunha boa pluma se libere do lexítimo anceio de sacar un libro cada tres ou catro anos, e decida amasar e cocer a fogo maino a gran novela que sexa para Galicia o que Ilíada e a Odisea foron para Grecia e, de rebote, para a Humanidade.

Como é posíbel que a literatura popular sexa aínda tan descoñecida en Galiza?
Portugal organizou os seus estudos e actividades folclóricas case con cen anos de adianto sobre Galicia e iso nótase. Galicia só agora empeza a ser o centro de si mesma. Por iso a urbanización masiva non incorpora a cultura da aldea á cidade senón que inocula, nos que a ela chegan, o desprezo da aldea que debían ter os urbanitas de toda a vida. A Filgueira Valverde corrérono de Combarro ao berro de "¡Queremos ser modernos!" cando traballaba para salvar aquel pequeno conxunto de arquitectura popular. Aquí hai xente que se irrita cando se lle dedican as Letras Galegas a un etnógrafo ou cando alguén estudia a fondo o moito que o gando vacún significa na lingua e na cultura dos galegos. É unha patoloxía específica de Galiza ese odio á aldea, que ten como efecto unha ruptura violenta co patrimonio cultural que a aldea atesoura. Pero ten algo de cínico, porque se unha aduana revisase os maleteiros dos coches que o domingo á tarde volven ás cidades, descubririan toneladas de produtos ecolóxicos que aínda hoxe se prefiren das aldeas.

Que sentenzas elixiría para condensar a nosa tradición oral?
No refraneiro hai de todo. Hainos que condensan útiles coñecementos, hainos claramente reaccionarios e hainos de notable sutileza. Direille algúns destes: Os machadazos nas alturas parecen molduras (dino os ebanistas pero aplícase a que os defectos de quen ten poder non parecen defectos). A moitos mantén a fariña que debía manter a cebada (crítica tamén do poder). Se o raposo fora tan listo como din, non se sabía. O galego ata en pedir é pobre. O que lle importe o muíño, teña conta do rodicio. Ninguén morre de víspera (este reprende aos agonías que no queixo só ven os buratos). Pero non todo é ouro. García Sabell dicía que había unha frase galega que había que borrar da memoria colectiva, porque leva esnaquizado moitos proxectos positivos incluso antes de poñelos a andar, e é a fórmula desanimante ¡Total pra que! Eu engadiríalle o refrán Carreteiro que non unta o carro, os bois non tiran. Tamén nos sobra.

Cando escribe vostede que "as corenta etnias con linguas minorizadas contra as que loita o exército birmano miran para nós con esperanza", pecha a porta definitivamente ao reintegracionismo?
Son eu o que pregunta. Se o nacionalismo galego non ten máis proxecto para as minorías culturais de Birmania, de China, da India, para os miskitos de Nicaragua, para os quechuas de Perú, pero tamén para as minorías de Angola ou de Brasil, que o de que se deixen alienar, colonizar e deglutir pola lingua e cultura dominante, ¿pódese considerar un nacionalismo ecoloxista e de esquerdas? Se o galego, secularmente afogado, deu encontrado algún espazo na sociedade urbana moderna e mesmo no Parlamento Europeo, sen ter que disfrazarse do que non é, hai esperanza para todos. A miña formación afectiva é bíblica, coma era a de Marx, e sigo pensando en que os pobres teñen a razón e, moi probablemente, o futuro. Digan o que digan os economistas que ignoran a historia e por iso fan coma que é liñal e que nunca hai refachos que tiran o castelo de naipes. Parente de rico, busca que comas – di o refrán.

  • Unha entrevista de Óscar Iglesias


  • Ligazóns

    5/5 (4 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: