Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRIMONIO INMATERIAL GALEGO-PORTUGUÉS

Santiago Veloso: "O primeiro é incluír o noso patrimonio común nos currículos escolares"

A tres días do fallo da UNESCO, Santiago Veloso, presidente da comisión promotora da candidatura multinacional do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, aínda non perdeu a paciencia. Sabe que o recoñecemento da candidatura promovida por Ponte... nas Ondas! desde 1995 como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial podería facer tanxíbel ese patrimonio con "vantaxes inmediatas" para outros sectores, comezando polo turismo, pero a boa xestión da marca galego-portuguesa abriría moitas máis posibilidades. "É posíbel recuperar o tempo perdido", di Veloso, trazando políticas destinadas aos portadores do patrimonio inmaterial, afastados do territorio da comunicación masiva. O que pase o día 25 xa non debera condicionar a posta en valor dunha mirada compartida que esixiu moita "pedagoxía cos Estados".

- 11:24 22/11/2005
Tags:

Vieiros: Que vantaxes tanxíbeis podería tirar Galiza se a candidatura galego-portuguesa resulta bendicida o 25 de novembro?
Santiago Veloso
: As vantaxes serían inmediatas e a curto prazo. A repercusión máis evidente será no sector turístico, xa que a catalogación como Obra Mestra atraerá a persoas que sentirán a curiosidade por coñecer as manifestacións de excelencia deste patrimonio. Pero é obvio que unha boa xestión desta marca permitirá desenvolver outros sectores dunha forma sustentábel: a potenciación do medio rural, da cultura marítima, da cultura agraria, dos saberes tradicionais, do ciclo festivo anual, etc. Esta posta en valor contribuirá a xerar e a rexenerar novos modos de interpretar os saberes herdados.

Se todo sae ben, cal sería a mellor didáctica para poñer en valor esa ollada compartida?
Comezando polo ámbito de onde xurdiu a Candidatura, o primeiro que habería que facer é dar a coñecer todo este patrimonio común ás novas xeracións mediante a súa inclusión nos currículos escolares, transmitíndoo nas escolas, seguindo as recomendacións da Convención do Patrimonio Inmaterial aprobada pola UNESCO en 2003. En todo caso, a existencia dun Plan de Acción contemplado na Candidatura é xa un punto de partida para o traballo en común entre galegos e portugueses.

Até que punto foi duro para Ponte... nas Ondas! comezar un traballo que remarca os vencellos naturais entre Galiza e Portugal?
Os vencellos entre Galiza e Portugal viñémolos constatando na práctica da experiencia de comunicación emprendida no ano 1995 entre os centros educativos dos dous lados da fronteira. Cando comezamos a traballar especificamente co patrimonio imaterial (ano 2001, a partir das primeiras proclamacións) constatamos que o común deste patrimonio era a súa esencia, o fundamental. Tamén constatamos que cumpría os criterios que a UNESCO esixía para as proclamacións: un patrimonio vivo, en risco de desaparición, con manifestacións de excelencia e compartido por varios países (no caso das candidaturas multinacionais). Establecemos os primeiros contactos coa División do Patrimonio Inmaterial (vía privilexiada a través das Escolas Asociadas á UNESCO) e a primeira observación que nos fixeron foi a de que tiñamos que facer "pedagoxía cos Estados! ", e así o houbo que facer. Neste itinerario pedagóxico pasamos por dous gobernos en España, tres en Portugal e dous en Galiza, e case sempre os cambios nas respectivas administracións coincidiron con momentos claves e críticos do proceso da Candidatura. Dado que a Convención sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial de 2003 mudou o procedemento das proclamacións a favor dos gobernos, tiñamos claro que esta era a última oportunidade que tiñamos como sociedade civil de presentar unha candidatura multinacional sobre o conxunto deste patrimonio. E chegamos a cumprir o obxectivo marcado: que a cultura galego-portuguesa estea na UNESCO optando a unha proclamación internacional.

Conseguistes atraer para o proxecto Meniños Cantores a dezasete escolas galegas. Habería que comezar polo ensino, non?
Na experiencia de Ponte...nas ondas! veñen participando máis de 50 centros educativos desde infantil, primaria, secundaria e Universidade. Para o proxecto de Meniños Cantores tivemos que facer unha escolla, apremiados pola urxencia de finalizalo antes da proclamación da Candidatura, para que puidese estar nas mans do Xurado Internacional como unha mostra do traballo das escolas con este PCI. É evidente que o noso ámbito de actuación parte do ensino, aínda que despois destes anos fomos quen de implicar a sectores da cultura e dos medios de comunicación na nosa experiencia.

A respecto da tradición oral galego-portuguesa, o patrimonio inmaterial mellor conservado, ¿trátase de comezar por algo tan simple como conectar aos xoves coa memoria dos vellos?
Diso se trata. Só coñecendo o que un é pode optar a ser o que un quere. Trátase de que os xoves coñezan o seu entorno cultural, que teñan unha identidade clara, de pertenza a unha cultura milenaria que foi quen de conformar a idiosincrasia como pobo, de xeración en xeración. Non se trata de fosilizar este patrimonio, trátase de recrealo, actualizalo e darlle novos sentidos en contextos actuais.

En que medida prexudica o alcance da candidatura a coita lingüística?
Afortunadamente fomos quen de superar esa dicotomía e darlle á Candidatura un marco máis amplo. É evidente que o patrimonio oral substéntase na lingua e habería que lembrar que a UNESCO situou ao galego como unha das linguas en perigo de desparición. Neste caso, o argumento reforza este aspecto da Candidatura, sen entrar na polémica da norma lingüística. En todo caso, estamos a falar dunha cultura común que ten unha lingua cunha orixe común.
Respecto ao síndrome das dúas beiras, esta doenza está estendida a outros ámbitos culturais. Bótanse de menos visións de conxunto das expresións deste Patrimonio Cultural Inmaterial. A fronteira está moi presente en moitos estudos e investigacións...

Pase o que pase o día 25, ¿que debe facer a Administración para tratar de rendibilizar o patrimonio inmaterial? Que políticas se deben trazar alén da filantropía conservadora dos museos?
O primeiro que se debería facer era establecer un organismo conxunto para a preservación, transmisión, divulgación e posta en valor deste patrimonio. Despois, seguindo o descrito no Plan de Acción, levalo á practica. No Plan de Acción xa se contempla o desenvolvemento de lexislación específica sobre este PIGP. O modelo de Brasil pode ser un bo exemplo.

En canto ás políticas, a grande diferenza do patrimonio inmaterial con respecto ao material é que este está vivo nos portadores, nas persoas. Por tanto, hai que establecer políticas destinadas aos portadores, aos que manteñen as manifestacións deste patrimonio, tradicionalmente esquecidos das administracións pola prioridade que as políticas culturais lle deron as expresións culturais máis académicas ou cultas. Hoxendía, a cultura audiovisual impónse agresivamente sobre as expresións culturais tradicionais que non acceden a este medio.

É posíbel recuperar o tempo perdido?
Claro que é posíbel. Só fai falla ter sensibilidade e percorrer o territorio da Gallaecia cos cincos sentidos. Unha cultura milenaria latexa aínda no corazón de moitas persoas...


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: