Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS OBSTÁCULOS DA CANDIDATURA GALEGO-PORTUGUESA NA UNESCO

O Patrimonio: sen resposta do presidente da Xunta e coas portas dos ministerios pechadas

Este xoves coñeciamos que o presidente da Xunta decidiu non estar en París no acto onde se saberá se finalmente as tradicións orais galego-portuguesas son declaradas pola Unesco coma Obra Mestra da Humanidade. Alén disto, os promotores da candidatura aínda agardan que Emilio Pérez Touriño acceda a recibilos ou, cando menos, lle remita por escrito á Unesco o compromiso coa iniciativa desde a presidencia da Xunta. Á beira, o défice de apoios institucionais inclúe o silencio dos ministerios de Educación e Agricultura españois, mentres os seus homólogos portugueses asomen o protagonismo na difusión. Mentres, a ministra de Cultura, allea ás recomendacións aprobadas no Congreso, restrinxe o seu apoio á candidatura en defensa do "flamenco" que ela mesma iniciara cando estaba na Junta de Andalucía. Con todo, xa está confirmada a presenza na sede da Unesco en París da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e do secretario xeral para a Emigración, Manuel Luís Rodríguez, no que Touriño delegou a representación da presidencia da Xunta.

- 13:59 24/11/2005
Tags:

O goberno portugués xa reservou espazo e hora na sede da embaixada de Portugal en París para unha rolda de prensa e posterior celebración do que agardan sexa este venres a confirmación de que a Unesco lle dá a beizón coma Obra Mestra da Humanidade á candidatura conxunta galego-portuguesa. Velaí un exemplo significativo do compromiso asumido polo goberno luso con esta iniciativa que, pola contra non ten reflexo desde a propia administración española, que desde a súa representación na capital francesa, e segundo se laian desde Ponte nas Ondas, ignora completamente a dimensión galega da candidatura.

Actitude "lamentábel"
"É bastante lamentábel, incluso penoso, que o presidente da Xunta non teña nada que dicir sobre isto", quéixase Santiago Veloso desde a candidatura galego-portuguesa. "Pase o que pase había que estar aí, defendendo a nosa cultura e aproveitando para transmitirlle á sociedade a súa importancia", pide Veloso, que desde o colectivo Ponte nas Ondas iniciou a loita por este recoñecemento para Galiza e o Norte de Portugal. Ao tempo, lembra para Vieiros que "ben máis recursos se gastaron por exemplo promocionando a candidatura das Olimpíadas para Madrid e os principais representantes políticos foron aló, perdeuse, e non pasou nada". Nese sentido critica a "prudencia absurda" desde a presidencia da Xunta, que ás portas do día onde se saberá se Galiza gaña esta mención decide delegar representación no secretario xeral de Emigración no canto de liderar o propio presidente, Emilio Pérez Touriño, a delegación galega.

"E seguimos esperando que o señor presidente da Xunta teña a delicadeza de recibirnos ou aínda que sexa respondernos por escrito", láiase Veloso, "e tampouco hai constancia de que se lle remitise o compromiso asumido polo novo goberno á Unesco". Ademais, Santiago Veloso repróchalle a Touriño que non aproveitase as recentes xuntanzas con representantes políticos portugueses, e moi especialmente a última no cumio de Évora, para promocionar a candidatura do Patrimonio. "Perdeu unha valiosa oportunidade para que, xa que volveu coas mans baleiras noutros asuntos, puidese traer cando menos un compromiso co intanxíbel, coas tradicións galego-portuguesas", achácalle.

A ministra de Cultura vai co "flamenco"
Non hai moito que o Congreso dos deputados lle dera adiante a unha declaración oficial na que se lle pedía ao goberno do Estado o apoio e o traballo para o impulso da candidatura galego-portuguesa. Malia iso, os requerimentos directos que os promotores da declaración do Patrimonio lle fixeron chegar aos ministerios de Agricultura ou de Educación toparon en España sempre co silencio, e só desde Portugal estes departamentos responderon co seu apoio explícito.

A maiores, e se o documento do Congreso lle instaba especialmente ao ministerio de Cultura a que apoiase a candidatura, desde a carteira liderada por Carmen Calvo a indiferencia vén sendo a resposta. Por riba, desde Ponte nas Ondas lembran que a ministra non fixo declaración pública ningunha ao respecto das tradicións orais galego-portuguesas e as súas manifestacións ao fío do acto de proclamación de Obras Mestras da Humanidade que a Unesco fai este venres foron sempre en apoio da candidatura sobre o "flamenco" que presenta a Junta de Andalucía e que ela mesma iniciara cando formaba parte dese executivo autonómico.

De xeito paralelo, desde Ponte nas Ondas din ter constancia de que ademais de non pronunciarse publicamente a prol da candidatura galega, desde o ministerio de Cultura verían criticamente o proceso de tramitación e por iso se terían limitado a asinar o documento que no seu momento lle presentou o goberno portugués escatimando todo tipo de apoios a partir de aí. Veloso subliña ao respecto que o carácter de "candidatura multinacional" do Patrimonio galego-portugués fai que "non sexa preceptivo que pase por outras instancias" e láiase de que o goberno español lle poña obstáculos burocráticos á iniciativa. Veloso lémbralle á ministra Calvo que no caso da candidatura do flamenco, que non cumpre a os criterios esixidos pola Unesco xa que "non está en perigo de desaparición" a propia administración andaluza recoñeceu que presentaron candidatura para aproveitar a publicidade, no canto de optar realmente á distinción.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: