Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIOS PÚBLICOS

O PP nomea a Xesús Pérez Varela para o Consello de Administración da CRTVG

No pasado mes de xullo mudou o goberno da Xunta, pero os criterios de elección dos representantes das formacións políticas no Consello de Administración da CRTVG non variaron. Os tres partidos elixiron e o parlamento refrendou a persoas de marcado perfil político, en moitos casos do propio aparato das organizacións, para ocupar un cargo que, segundo a lei de creación da CRTVG, debe recaer "en persoas de acreditado prestixio profesional".

- 12:04 30/11/2005
Tags:

O PP recupera aos exconselleiros Xesús Pérez Varela (ao que non se lle pode negar un amplo coñecemento do ente) e José Antonio Santiso Miramontes. Polo BNG repiten Lois Obelleiro, secretario de Organización da formación nacionalista, e Cecilia Pérez Orxe, membro da Executiva. O PSOE estarán, entre outros, Juan Carlos Araújo, secretario Organización do partido en Lugo, e Moisés Rey, secretario provincial do PSOE na Coruña.

O pleno do parlamento elixiu aos 12 representantes (6 do PP, 4 do PSdeG-PSOE e 2 do BNG) do consello de administración da CRTVG e os 13 membros do Consello Asesor de TVE-Galiza.

Todos os candidatos propostos polos tres grupos parlamentarios en función da súa representación foron elixidos coa maioría cualificada requerida, dous terzos da Cámara galega.

A nómina do PP está encabezada polos ex conselleiros de Cultura Xesús Pérez Varela e de Política Agroalimentaria José Antonio Santiso Miramontes; a ex directora xeral de Protocolo María Esther Regueiro; a ex asesora do presidente do Senado e do conselleiro de Medio Ambiente, Ana Peón; mentres que repiten neste órgano José Luís Iravedra --ex presidente provincial do PP de Lugo-- e o ex alcalde de Verín Manuel Jiménez. Deixa o seu posto no consello polo PP, despois de ocupalo durante 3 lexislaturas, o escritor Alfredo Conde.

Polo PSOE, repite no Consello de Administración da CRTVG Antonio Rodríguez e son de nova designación Esther Paredes, Juan Carlos Araújo (secretario Organización do PSOE de Lugo) e Moisés Rey (secretario provincial do PSOE na Coruña). Os dous membros designados polo BNG, Lois Obelleiro e Cecilia Pérez Orxe, tamén repiten no ente público galego.

O Consello de Administración é o encargado, entre outras competencias, de aprobar, a proposta do Director Xeral, o plan de actividades do ente público, que fixará os principios básicos e liñas xerais de programación, así como o plan de actuación das súas sociedades e de determinar semestralmente a porcentaxe de horas de programación destinadas aos grupos políticos e sociais significativos, fixando os criterios de distribución entre eles, en cumprimento do que se establece no artigo vinte da Constitución.

O pasado mes de maio, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza entregoulles aos tres partidos parlamentarios a súa proposta para un novo modelo de medios públicos que incluía unha petición para que os membros do consello de administración da CRTVG non fosen só elixidos entre persoas de recoñecido prestixio profesional (como recolle a lei) senón tamén "independentes respecto dos Grupos Políticos existentes no país".

Para o Consello Asesor de TVE-Galicia elixíronse a Susana Tojeiro, José Luís García Casanova, María Fernanda Blanco, Ángel Sicart (ex director de Patrimonio Cultural), Agustín Regueira, Ángel Currás (ex director da Fundación Cidade da Cultura) e Alberto Durán, por parte dos "populares"; a Juan José Quintáns, José Francisco Lorenzo, Esther Fontán e Uxía Blanco, por parte dos socialistas; e Miguel Túñez e Xulia Guntín, que repiten por parte dos nacionalistas.


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: