Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOURIÑO VIAXA A PARÍS PARA RECOLLELO DE MANS DA SÚA PRIMEIRA MULLER

Galiza gardará parte do legado gráfico de Julio Cortázar

O presidente da Xunta viaxa este sábado a París para recibir de mans de Aurora Bernárdez, primeira muller de Julio Cortázar e filla de galegos, os fondos fílmicos e fotográficos que a viúva do escritor decidiu ceder ao noso país. O legado está composto por varias películas e 2.000 fotografías, que serán arquivadas e dixitalizadas no Centro Galego de Artes da Imaxe.

- 09:42 09/12/2005
Tags:

Aurora Bernárdez naceu en Bos Aires en 1920 pero é filla de galegos e mesmo viviu uns anos en Lugo cando era cativa. Foi a primeira muller de Cortázar, con quen casou en 1955, e a pesar de divorciárense a fins dos anos sesenta, ela mantivo en todo momento unha relación de intensa amizade co seu ex marido, acompañouno ata o final dos seus días e na actualidade encárgase de coidar as novas edicións de Cortázar e de preservar a súa memoria. Aurora Bernárdez é unha recoñecida tradutora, especialidade na que traballou conxuntamente con Julio Cortázar durante moitos anos.

O fondo fílmico que a viúva decidiu doar inclúe gravacións en súper 8 de carácter documental correspondentes a viaxes do escritor e a curtametraxes de tipo máis creativo.

O fondo fotográfico –cerca de 2.000 fotografías, entre copias e negativos– está integrado tanto por retratos realizados polo propio Cortázar con intención artística como por outros de orixe diversa, pero sempre relacionados co seu contexto literario, político e biográfico. Trátase, coma quen di, do "álbum persoal" de Julio Cortázar, unha fotobiografía que abrangue desde os seus primeiros anos de vida nas aforas de Buenos Aires e en Bánfield ata a súa derradeira etapa en París, pasando polo seu primeiro traballo de profesor e polas innumerables viaxes e estancias en diversos países –Europa, India, Vietnam, Cuba…– e o seu encontro con personalidades como Buñuel, Carlos Fuentes, Vargas Llosa, García Márquez, Octavio Paz ou Ernesto Cardenal.

Entre o fondo tamén se atopan algunhas fotografías de Julio Cortázar e de Aurora Bernárdez en Lourido (Poio, Pontevedra), realizadas durante a única viaxe que o escritor e a súa muller fixeron a Galicia pouco despois de casaren. Fóra desta viaxe, o autor arxentino sempre tivo unha gran relación con Galiza a través de artistas galegos exiliados no seu país, como Luís Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado ou o seu editor Francisco Porrúa.

Deste xeito, os fondos gráficos doados a Galiza serán practicamente os únicos documentos do arquivo do escritor que se garden en Europa, xunto coa súa biblioteca persoal conservada na Fundación Juan March, en Madrid.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: