O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, enviará, en nome da Xunta, dúas cartas aos gobernos de Asturias e Castela-León para reclamar "unha rectificación pública" ante "as gravísimas descualificacións e insultos" que, ao seu xuízo, realizaron as principais autoridades destas comunidades tras coñecer a proposta de Novo Estatuto do BNG. "Voume dirixir tanto ao goberno autónomo de Castela e León como ao de Asturias para, desde unha perspectiva cordial e co mellor sentido de respecto institucional, protestar por unha actitude desproporcionada, ilóxica, nalgúns casos tremendamente manipuladora, e que evidencia o descoñecemento profundo do que propón o BNG e dos seus propios estatutos".