O Pleno do Tribunal Constitucional decidiu rexeitar a tramitación das cuestións de inconstitucionalidade que presentaran dous xuíces españois que tiveran que formalizar dúas vodas homosexuais. A Fiscalía Xeral do Estado argumentara que estas cuestións de inconstitucionalidade non as podían formular os xuíces, e o alto Tribunal, se ben nun primeiro termo as admitira, acabou por confirmar esta opinión de rexeitamento por 8 votos contra 4.
Unha xuíz de Dènia (Alacante), Laura Alabau, e un xuíz de Telde (Gran Canaria), Francisco Javier García-Sotoca, presentaron senllas cuestións de inconstitucionalidade cando se viron no caso de formalizar vodas homosexuais. Como consecuencia desas cuestións, catro vodas non se puideron realizar e quedaban paralizadas ata que o Tribunal Constitucional se pronunciase. A Fiscalía Xeral do Estado presentara un informe no que entendía que as cuestións de inconstitucionalidade non podían ser formuladas por canto un matrimonio non se trataba dun proceso xudicial, senón dun trámite onde o xuíz non actúa impartindo xustiza, senón de testemuña.
A lei do TC recoñécelle capacidade de presentar recursos de inconstitucionalidade unicamente ao goberno, ao Defensor do Pobo, ás comunidades autónomas e a un número de deputados e senadores igual ou maior ca 50. Os xuíces teñen capacidade de presentar cuestións de inconstitucionalidade, e non recursos, cando no transcurso dun proceso se ven obrigados a aplicar unha lei que entenden contraria á Carta Magna.
Así pois, o TC dálle a razón á Fiscalía e entende que os xuíces non teñen esa capacidade cando se trata de matrimonios. O seu fallo emitiuse por 8 votos contra 4, os dos maxistrados Jorge Rodríguez-Zapata, Roberto García Calvo, Ramón Rodríguez Arribas e Javier Delgado Barrio. O Constitucional ten enriba da mesa un recurso presentado por 50 deputados e senadores do PP en relación coa reforma do Código Civil que permite as vodas entre homosexuais.