Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O SUPERMARTES DESPÍDESE LOGO DE 13 ANOS EN ANTENA

Derradeiro martes con Superpiñeiro

A trompeta de Atilano soará esta noite por derradeira vez en milleiros de fogares galegos. Tras o cambio político no goberno e na televisión pública moitos se preguntaron pola continuidade dos programas que simbolizaban o antigo réxime con iso que se deu en chamar "telegaita". E, como era de esperar, o Supermartes pecha para non volver abrir. Este martes despedirase dunha audiencia que lle foi fiel durante trece anos e grazas á que se consolidou como o programa de entretemento máis duradeiro da televisión estatal.

- 12:22 20/12/2005
Tags:

O Supermartes aterrou na TVG en abril de 1992 da man de Ghaleb Jaber, un produtor televisivo recén chegado coa intención de aportar algo de glamur á televisión galega composto por famosos propios e foráneos, artistas de moda, humor para toda a familia e, por que non, atractivas azafatas, nun modelo de televisión que se estendeu durante aqueles anos pola grella da TVG.

No seu nacemento participaron tamén Antón Reixa, Xosé Arias (actual director de CTV) e Manuel Abad (director de Luar). Contou con guionistas ilustres como Xurxo Souto, Toñito de Poi ou Diego Ameixeiras. E fixo nacer unha estrela mediática, un profesor de instituto de Allariz chamado Xosé Manuel Piñeiro ao que se lle puxo un nome de superheroe que o acompañará toda a súa vida, como o fixo cando tivo tamén o seu programa na RAG ou cando sacou o seu primeiro disco como cantante, producido polos Resentidos Debesa e Torrado, autores tamén da famosa sintonía do programa.

Ao comezo o Supermartes duraba só 60 minutos, pero o gran éxito de audiencia que tivo dende o comezo fixo que se incrementase paulatinamente a duración, até as 3 horas que viña durando nos últimos tempos. Até hoxe foi mantendo unha cota de pantalla en torno ao 20%, fronte á dura competencia da televisión xeralista. E se facemos cómputo do que foron estes trece anos en cifras, podemos falar de máis de 600 programos emitidos, 5.400 concursantes, dez millóns de euros en premios, 170.000 persoas no público e 215.000 gorras repartidas, das que podemos dicir que xa forman parte da indumentaria labrega contemporánea.

O de hoxe será, pois, o último martes "super" da Televisión de Galiza. Aínda non sabemos que virán despois, aínda que se fala de programas de debate e culturais. Derrubado Encontros -aquel Lonely Planet da emigración- e o Supermartes, xa só nos queda Luar termando da querida telegaita, para alivio dese 20% de galegos que hoxe escoitarán, cun aquel de melancolía, o derradeiro fungar da trompeta de Atilano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: