Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREMIO RAMÓN PIÑEIRO DE ENSAIO POR 'O SUXEITO POSMODERNO: ENTRE A ESTÉTICA E O CONSUMO'

Rebeca Baceiredo: "A obxectividade é un delirio"

A Rebeca Baceiredo (Ourense, 1979), xornalista de carreira, parécelle soberbio facer diagnose da sociedade galega, e non acepta Deliverance para falar da endogamia da cultura do país, que si lle parece "demasiado endogámica". En xeral, considera que "hai que subir". Deleuze, Artaud e Clarice Lispector son algúns dos seus referentes culturais. Pensa nalgún galego/a e acaba nomeando a Manuel Outeiriño. Entre a inmanencia e a transcendencia, cos pés na terra, lembra tamén que a razón é "a profilaxe que atenúa a experiencia do real". Odia o positivismo, pero actualmente prepárase para traballar de auxiliar administrativa. "Non quero marchar de Galiza", di.

- 10:43 21/12/2005
Tags:

Vieiros: O seu ensaio mestura ciencia, filosofía pura, socioloxía, pintura, cine, música, poesía… Ninguén se prestou a lerlle a tese. Era demasiado heteroxénea?

Rebeca Baceiredo
: Non son eu a que ten que contestar a iso, supoño.

Non lle dá paúra verse a carón de Barreiro Rivas, Teresa Moure ou Basilio Lourenzo, con 26 anos?
Non vou entrar a enumerar os meus pánicos.

En 1997, Fraga pediu a axuda de todos os galegos "para entrarmos na idade posmoderna". Tal é o atraso de Galiza?
Coido que Fraga e eu non entendemos o mesmo por posmodernidade... en calquera caso, é un fenómeno global, non? Aínda que uns pobos a teñen máis asumida ca outros... Se a considero como creo que Fraga a concibe (novas tecnoloxías e algo máis?), tampouco podo afirmar que Galiza sexa pioneira... Unha posmodernidade nómade existe só en potencia.

Como cre que vai o cambio político?
O cambio político foi un alivio. Un paso.

Que lle aporía á cultura galega?
Talvez necesitou reafirmarse por lagoas históricas (algunhas moi recentes) e por iso, desde a miña perspectiva, téndese á endogamia. Por suposto, considero que é algo perfectamente lóxico en función, xa digo, da traxectoria vivida... Queda, despois de reapropiarse ou atoparse, non precisar da reivindicación da existencia, e simplemente desenvolverse. A todos os niveis.

A crítica Dolores Vilavedra criticou que o seu ensaio só podía estar feito por unha muller. É tan así?
Matizo o que me atribuíron: animo os varóns a desenvolverse no yin.

Jameson dicía que a copia e a reprodución, ferramentas da posmodernidade, xustificaban a lóxica do capitalismo; non como na modernidade, onde ataban os cans con longaínzas. Que salvaría vostede do pecado da banalización?
O proceso de banalización tamén é un fenómeno global... teño que dicir qué procesos estéticos me parecen arte? Ás veces só aspectos ou partes conseguen atravesar iso que se coñece como espiral hermenéutica infinita... O que a transita e franquea e reordena o estrato ontolóxico do ser humano provoca a experiencia estética. Por iso o artístico mantén a súa condición no tempo. E tamén no espazo, anque determinadas disciplinas recorran con maior intensidade aos códigos culturais.

A perda do sentido da historia ten que ver co "tempo sen espesor" do que falaba Deleuze para dicir que o presente, máis que nunca, está só. Pero a cacarexada nova medida do humano pasa polo propio espírito humano...
Falta espesor, falta un movemento de elevación nos conceptos e nas experiencias deses conceptos desinflados. Se perdemos a noción de historia porque non nos deixan máis espazo que cruzar e só adquirimos unha certa sensación de actualidade, cómo non nos vai perder sentido a historia, se xa non a atopamos? E por outro lado, o espírito humano está aí para ser despregado. Non é un a priori. A priori eu creo que temos unicamente a inmanencia. O resto hai que traballalo.

Baumann di que a autovisualización propia da posmodernidade axudará a corrixila, pois as piores guerras (por dignidade máis que por fame) acabarán sendo filmadas. Pode ser isto o comezo dunha verdadeira responsabilidade moral?
Considero que a é a modernidade a que leva parellos bisturí e alcol. A posmodernidade nómade (a posíbel) doe e –coma todo proceso de sufrimento- pode liberar. Pero a posmodernidade conservadora, a que nos brindou o capital, é a cola da modernidade e onde esta bate. A partir de aí ou nese sentido entendo que a posmodernidade leva parellos o puñal e a ferida...

En 1970 xa se anunciaban os actuais –vellos- problemas de sobreabundancia de imaxes e os conseguintes problemas de falta de concentración e perda de capacidade intelectiva. Como se pode recuperar a didáctica da imaxe? Que faría vostede coa TVG?
Pasando das imaxes obscenas, evidentes, que só pretenden unha conmoción superficial a unha concepción da imaxe como posibilidade de expresión de seu. Que hai para ver nesta imaxe?, dicía Deleuze, quen, en calquera caso, xa apuntaba á neuroloxía: non se trata de estimular circuítos cerebrais manidos (en capas moi profundas e máis lonxevas filoxeneticamente), senón de xerar circuítos na corteza (neste caso, concretamente no hemisferio dereito. Por suposto, o funcionamento ou a actividade dos hemisferios non é excluínte...). Hai que crear imaxes diverxentes, imaxes que se poidan contemplar, polas que se poida pasear, e non imaxes planas (evidentemente non falo de profundidade de campo...). Ah...! A Televisión de Galiza...

Fiaría vostede o tránsito da especie ao individuo na investigación filosófica coa proliferación de filósofos brandos vendidos ao capital? Lipovetski pasou de ser nihilista activo a consultor de xeriátricos para a clase media…
A opinión que comparto é que a filosofía occidental se acabou distanciando do obxecto para centrarse no suxeito. Esquecemos que somos suxeitos e que filtramos. Considerar a obxectividade ou a infalibilidade é un delirio. O centro de gravidade situouse na razón, que deixa de ser só un instrumento, e aí ubicados ignoramos o lugar dende o que miramos. Podemos plantexarnos que a razón é a profilaxe que amolece a experiencia do mundo, do real? Logo, a medicalización da sociedade na que anda metido Lipovetski é unha consecuencia do baleiro no que vive o individuo contemporáneo. Un dos escasos recursos emocionais e psicolóxicos que ten para soportalo. Polo demais, non fago xuízos morais.

Ten blo?
Si.

A rede permite seguir facendo prospección literaria naquilo da acción sen medio, comezo nin fin. Hai moito que destruír aínda na concepción tradicional de "autor"?
O hipertexto e a estética oriental... non se trata de aplicar fórmulas. Simplemente hai que flexibilizar os lindes do "eu".

Pasouno mal escribindo o ensaio?
Escribir salva, en calquera caso.

A arte di o mesmo cós nenos, dicía Deleuze. A galega debe ser entón unha sociedade esquizo... é esa a razón de que a penas haxa pop en Galiza?
O modo de vida actual resulta difícil incluso para quen máis rexamente se reprega no eu (psico-social). Aquí atopamos que tanto neuróticos como esquizos precisan drogas -legais ou ilegais- para sobrevivir a existencia en Occidente. O individuo contemporáneo, cada vez máis longamente adolescente, carece dos recursos psicolóxicos e emocionais para tolerar a vida. E a sublimación a través da arte non está ao alcance de todos por circunstancias materiais... A arte sería unha corda ou un arnés que permite ir ao ser e non perderse no océano, de non ser iogui... Cada un é un organismo diferente que recibe experiencias e estímulos propios. Os cadros psicolóxicos en xeral son diversos. E cada expresión artística, que atravesa un eu particular, tamén é específica. Deste xeito, a arte, dalgún xeito, ten relación coa mirada orixinaria, cos ollos máxicos, xa que se trataría das pegadas dunha viaxe ao ser, e a contemplación, como actitude vital, xa non no terreo estético, non deixa de ser a recuperación dunha inocencia propia dun terceiro estadio. Un estadio semellante só aparentemente ao inicial, ao infantil, xa que agora se percorrerían os filtros do eu, e desfeitos os seus nós. Por outra banda e por conseguinte, tamén dalgún xeito, tal e como dicía Beuys, en cada un de nós subxace un artista.


4,81/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: