Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EFEMÉRIDES DO 2006

Abur Cervantes, ola Rembrandt e Lugrís Freire

Co cambio de calendario mudan tamén unha gran serie de efemérides e anos internacionais. Así, se despedimos o ano dedicado a Lourenzo Varela, recibimos as celebracións do Ano de Lugrís Freire. E se rematan as campañas publicitarias para que visitemos as terras manchegas en honra do cabaleiro Don Quixote, comezan os consellos para evitar a desertización en todo o planeta, cerna do Ano Mundial dos Desertos.

- 17:52 26/12/2005
Tags:

Se están cavilando en mudar de traballo, non o dubiden: o 2006 será o Ano europeo da Mobilidade laboral. E se vostede é programador ou programadora ou ten certa soltura cos computadores, mellor que mellor, porque será o Ano científico da Informática, pasando a páxina da física. Pero a parte máis relevante da atención será a que reciban as actividades do Ano mundial dos Desertos e da Desertificación, promovido polas Nacións Unidas.

No mundo da cultura, a actualidade estará centrada en catro grandes persoeiros: Rembrandt, Mozart, Ibsen e Lugrís Freire. O pintor neerlandés Rembrandt Harmensz van Rijn, naceu en Weddesteeg en abril de 1606, polo que se fan 400 anos do seu nacemento. O autor d'A lección de anatomía centrará centos de exposicións no mundo, pero a máis importante será a que teña lugar no Rijksmuseum de Ámsterdam.

Fanse 250 anos do pasamento de Mozart, celebrado con grande rebumbio ao longo e largo de Austria, e tamén 100 anos da morte do dramaturgo noruegués Henrik Ibsen, iniciador do teatro contemporáneo e ben representado en Galiza nos últimos anos: obras como 'A noite das tríbades' ou 'Casa de bonecas' subirán a centos de escenarios en Noruega (e fóra). Entre nós, a actualidade cultural virará ao redor do sadense Manuel Lugrís Freire, o escritor e promotor cultural á que se lle dedicarán os actos do Día das Letras.

Máis cabodanos e aniversarios: en 2006 faranse cen anos do nacemento do cineasta galego (da Galiza polaca) Billy Wilder, director de 'Con saias e a rachar', 'O apartamento' ou 'Sunset Boulevard'. Tamén irán cen anos do nacemento doutro dos grandes do cinema, John Huston ('O falcón maltés' ou 'A xungla de asfalto'), e do dramaturgo inglés Samuel Beckett, autor de 'Agardando por Godot', a peza inaugural do teatro do absurdo. E irá aló un século da morte do pintor francés Paul Cézanne, e 125 anos do nacemento do escritor austríaco Stefan Zweig.

Sobre todo, farase un século da aparición de tres grandes institucións coruñesas: a cervexa Estrella Galicia, o Deportivo da Coruña e a Real Academia Galega, que naceu na Habana en 1906. Tamén será o centenario do nacemento do etnógrafo e arqueólogo Xesús Ferro Couselo, o vinte aniversario da desaparición de Pucho Boedo e o décimo da creación de Vieiros.

E no ano que a Consellaría de Cultura vai sinalar coma o Ano da memoria será obrigado botar man dos 25 anos da proclamación do Estatuto de Autonomía, do vintecinco cabodano do golpe de estado de Tejero, e tamén do setenta aniversario do comezo da Guerra Civil (e da morte de Bóveda, Casal, Blanco Torres...).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: