Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AUTOMOBILISMO

Iníciase o rali Dakar máis galego (e sen GPS)

O Rali Dakar 2006, que terá a súa saída o día de fin de ano, celebrará a súa edición máis galega. E non porque saia dende Lisboa, senón porque por primeira vez participarán tres pilotos galegos. Dunha banda, o carballés Fran Gómez Pallas, que acomete a empresa de chegar ao senegalés Lago Rosa por cuarta vez. Doutra, o porriñés Xacob Agra, que se estrea coas areas do deserto. Os dous o farán subidos enriba de cadansúa Yamaha. E ademais, o tudense Antonio Montero estará competindo nun camión de asistencia.

- 11:52 30/12/2005
Tags:

Tres galegos entre 483 vehículos: non é que sexa moito, pero é máis ca nunca, pois esta é a primeira vez en que na proba automobilística máis espectacular, o Rali Dakar participan dous motociclistas e un camioneiro de Galiza. 232 motos, 177 coches e 74 camións serán acompañados por 240 vehículos máis que farán tarefas de asistencia. Se todo saíse ben, Gómez Pallas, Antonio Montero e Xacob Agra estarán o 15 de xaneiro cruzando a meta do Lago Rosa, a unha vintena de quilómetros ao norte de Dakar, a capital senegalesa, con 9.043 kms no lombo.

O Centro de Congresos de Lisboa, no conxunto cultural de Belém xa acolleu a maior parte das verificacións técnicas e administrativas necesarias. O sábado, ben de mañá sairá do mosteiro dos Xeromes lisboeta a primeira das motos, que encabezará a recua de motociclestas, automóbiles e camións percorrendo ao longo a Avenida da Índia. A primeira tirada rematará en Portimão, para continuar á xornada seguinte cara a Málaga, onde embarcarán cara a África.

Son favoritas, entre as máquinas de dúas rodas, as KTM. Monta unha delas o vencedor en 2005, Cyril Despres, que xa venceu esta tempada os ralis de Turquía e Tunicia, pero terá fortes rivais diante, ademais do límite de velocidade en 160 km/h., que afecta especialmente as KTM. En automóbiles o gran duelo enfrontará a Mitsubishi, gañador das últimas catro edicións e os Volkswagen Tuareg, que achegan os experimentados pilotos Saby, Kleinschmidt, De Villiers e Sainz. En camións tamén haberá grandes figuras coma o tetracampión Vladimir Tsaguín e o campión vixente Firdaus Cabirov, ou os DAF guiados pola familia De Rooy.

As novidades técnicas máis importantes son a limitación do uso do GPS e da velocidade das motocicletas a 160 km/h, coas que os organizadores agardan recuperar o suspense en cabeza de carreira e aumentar a aventura. Así que á falta de GPS, limitado a algúns treitos e puntos, regresarán os compases. Ademais, as motos tamén reducirán a súa autonomía a 250 quilómetros para que vaian menos cargadas de carburante.

Fran Gómez Pallas participa por cuarta vez no Rali a Dakar. En 2000, cando pasou pola sala de chats de Vieiros, Gómez Pallas chegou ao lago hipersalgado. Pero en 2003 e 2005 tivo que abandonar. Gómez Pallas aproveita a súa concorrencia na proba para apoiar campañas de solidariedade internacional en Carballo e na comarca de Bergantiños. De feito, chegou a un acordo con Cáritas para recoller roupa e distribuíla posteriormente nos seis países africanos a medida que os que atravesa o rali: Marrocos, o Sahara Occidental, Mauritania, Mali, Guinea e Senegal. Podes darlle ánimos a Gómez Pallas dende a web de Finisterrae.

Tamén é veterano na proba o camioneiro de Tui Antonio Montero. Montero, que emprenderá o seu quinto dakar, guiará o volante do Man do equipo Nanton International, unha empresa viguesa. Estará acompañado nas súas funcións de asistencia por Antonio Livino e de Allen Montero, pero non participa na proba só con carácter competitivo.

Debutará na proba o campión de enduro Xacob Agra, que participa no equipo oficial Yamaha cos cataláns Amparo Ausina, Pepe Doménech e Gerard Farrés. Agra, porriñés de 28 anos, foi 6º no mundial de 250 en 2001 e este ano foi 22º no mundial de Enduro I.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: