Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
O COMITÉ SINDICAL REXEITA O PLAN DE VIABILIDADE PROPOSTO POLA XUNTA

Os traballadores de Navantia opóñense ao proxecto de venda da empresa

"O sector naval en Ferrol ten futuro e pode ser un importante xerador de emprego no país". Así o aseguraba o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, este martes, logo de presentarlle á SEPI o plan de viabilidade para o sector na comarca de Ferrolterra. A iniciativa baséase na eliminación dos límites á produción civil para a fábrica e na formación dun consorcio de capital galego co apoio das caixas. Ao respecto, desde o comité sindical de Navantia en Fene din sentirse "enganados" pola Xunta e láianse de que non se lles consultara previamente este plan. A decisión final correspóndelles tomala á sociedade estatal nas próximas semanas.

- 09:19 13/01/2006
Tags:

O presidente da SEPI, Enrique Martínez Robles, comprometeuse a dar unha resposta sobre o plan de viabilidade na próxima xuntanza co conselleiro, dentro dun mes, logo de estudar o detalle dos datos. Blanco subliñou que en tal caso se crearía unha comisión de traballo con representación da propia Xunta, da SEPI e do empresariado, para o impulso do proxecto. "Todos temos que implicarnos e facer un esforzo importante, os empresarios tamén", pediu Blanco.

Ao respecto pronunciáronse de forma conxunta este xoves os sindicatos CCOO, UXT, CIG e USTG, asinando o comunicado do comité sindical onde amosan a súa sorpresa por non ter sido informados da proposta, nin sequera cando o propio conselleiro visitou as instalacións de Astano o pasado 27 de decembro. Os representantes dos traballadores din sentirse "vendidos e enganados" e cualifican de equivocación o proxecto insistindo na necesidade de manter o caracter público dos estaleiros.

A UXT pide voz durante todo o proceso
A comisión executiva da Federación Galega de Metal de UXT, acusou de "irresponsabilidade" á Xunta por propoñerlle á SEPI a venda de Astano "sen consultar cos sindicatos". Subliñan desde a MCA-UXT que "existe un acordo asinado hai un ano entre SEPI e sindicatos que garante a permanencia do estaleiro fenés no sector público e unha serie de investimentos que se porían en perigo" de levarse adiante o proxecto de venderlle Astano a un consorcio formado por empresarios galegos e entidades financieiras.

Lembran desde a UXT que a SEPI asinara cos representantes sindicais hai un ano un acordo no que se comprometía a "asegurar a permanencia dos estaleiros dentro do sector público". Por isto, piden que calquera negociación que se promova desde agora sexa "consultada e debatida cos traballadores afectados e cos seus representantes legais, os sindicatos".

Opinan ao respecto da proposta da consellaría que podería "facer perigar" os investimentos acordados daquela e mesmo "a propia continuidade do estaleiro", coincidindo na necesidade de deseñar un plan que busque "a viabilidade da antigua factoría de Astano" pero insistindo en que "calquera proposta diferente que se poña enriba da mesa debe analizarse e elaborarse contando coa participación do sindicatos". "Un goberno progresista non pode levar a cabo unha negociación como a planteada para privatizar unha empresa pública de costas aos traballadores e aos seus representantes", afirman.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: