Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XORNADA DEPORTIVA

África enteira detrás dun balón

Este venres comeza a Copa de África de fútbol, o torneo deportivo máis importante dese continente e que se desputa a cada dous anos. De Marrocos a Sudáfrica e de Senegal a Exipto, dezaseis países tentarán conseguir o cobizado título de campións continentais. Cinco deles están entre os vinte estados máis pobres do planeta e 4 máis na categoría de países pobres moi adebedados conforme os criterios da Unctad.

- 01:17 20/01/2006
Tags:

O fútbol africano nace de cero cada catro anos, ou sexa, cada dúas Copas de África. Nese tempo aqueles que parecían conxuntos indomábeis desaparecen: as súas figuras esparéxense polo fútbol europeo, medran as lesións, os seleccionadores mudan e xorden distintos problemas federativos. Ademais, e principalmente, novos equipos nacen da case nada para desputarlles aos clásicos os seus postos de gloria. E lévanllos con frecuencia. Por iso non debe sorprendernos que dos cinco países africanos clasificados para o Mundial de fútbol de Alemaña, tres participen por primeira vez na cita de xuño. Todos eles estarán automaticamente nesta Copa de África que se desputa do 20 de xaneiro ao 10 de febreiro en Exipto. Dos dezaseis conxuntos, seis deles xa conseguiron o triunfo final na Copa, entre eles os tetracampións Gana, Camerún e Exipto, e o actual posuídor do trofeo, Tunicia.

Os grandes favoritos son, sen dúbida, os mesmos equipos que lograron clasificarse para o Mundial de Alemaña quedando vencedores nos seus grupos: Angola, Togo, Gana, Costa de Marfil e Tunicia. E esta Copa de África poderá darnos unha idea das posibilidades destes conxuntos sobre a herba alemá cando chegue o verán.

O grupo A é netamente mediterráneo: nel coincidirán marroquís, libios e anfitrións exipcios, ademais dos marfileses. Os favoritos son precisamente estes últimos, coas súas grandes figuras Didier Drogba e Didier Zokora. Os seus principais rivais serán a expectación, o factor cancha que pode favorecer a Exipto como país anfitrión e, especialmente, Marrocos, unha selección nova pero experimentada que terá que loitar pola segunda praza do grupo. O rival máis frouxo é Libia, que participará por segunda vez na fase final dunha Copa de África, e que amosa como principal valor a paixón futbolística do seu veterano ditador Muamar el-Gadafi.

Os tunicianos, vixentes campións, estarán no grupo C comandados polo defensa Hatem Trabeisi. Tunicia conseguiu o trofeo na casa en 2004, levándoo sorprendentemente ante a selección marroquí nun duelo rexional que aínda se lembra con pruídos no Magreb. Deberá protexelo agora e desafiar a maldición que sinala que, das dezaseis Copas de África desputadas, só en dúas ocasións (Gana en 1965 e Camerún en 2002) o campión revalidou o título. Enfronte verá unha das seleccións máis fortes e preparadas do continente, a sudafricana, que ten como principais inimigos as tensións internas e a fraxilidade de partir sempre coma o gran derrotado. As sorpresas poderían dalas Zambia ou Guinea, que pechan o máis frouxo dos grupos clasificatorios.

O mellor da costa occidental do continente figurará no grupo D, onde Gana parte como favorito. Os medios Stephen Appiah e Michael Essien, o futbolista máis caro de África, demostraron ser figuras letais na fase de clasificación. Essien non estará en Exipto por lesión, pero os tetracampións, adestrados polo serbio Dujkovic, deberían estar á forza nas semifinais do torneo. Con todo, neste durísimo grupo terá que vencer a Nixeria e a Senegal. Os leóns da teranga foron vítimas da autocompracencia e do éxito do mundial de 2004 en Corea e Xapón e agora teñen que reconstruír unha moral vencedora con xogadores da talla de Hadji Diouf ou Henri Camara. Paralelamente a gran Nixeria, o país máis poboado de África, deberá enfrontar circunstacias semellantes ás dos senegaleses, comandada polo veteranísmo centrocampista Jay-Jay Okocha. Completa o grupo a coitada Cimbabue, destinada a voltar axiña para casa: o seu adestrador, o novísimo e tecnoloxizado Charles Mhlauri irá no avión.

O grupo do conxunto revelación, Angola, será probabelmente o máis desputado de todos. Os angolanos, os únicos lusófonos do campionato, que só en dúas veces conseguiran chegar a esta fase final da Copa de África, apañaron un fabuloso billete para Alemaña contra todo prognóstico levados polo fantástico dianteiro Fabrice Akwá. Pero diante estarán os cameruneses, outra das seleccións tetracampioas, dirixidas polo portugués Artur Jorge e polo semifinalista do Balón de Ouro Samuel Eto'o. O grao de cohesión que consiga o equipo de Iaundé será a clave das súas esperanzas, porque a praza de líderes do grupo debería ser para os togoleses que capitanea Emmanuel Adebayor, equipo forte, resistente e que só pode pecar de falta de experiencia en finais. Aínda así, non se lle deberían pechar as portas á República Democrática do Congo, un país vítima da violencia e o odio, pero que soubo atuar a Sudáfrica e a Gana durante a clasificación. Non pasará a cuartos, pero tampouco ninguén se desmaiará se o consegue.

A mascota oficial chámase Croconile e é un crocodilo faraón. A música oficial é a absorvente sintonía composta por Hixam Abbás. O partido inaugural despútano ás 18:00 hg no Estadio do Cairo a selección anfitrioa e Libia. A final, tres semanas despois, acollerá sobre ese mesmo céspede as dúas mellores seleccións de África. E probabelmente, dúas das dez mellores seleccións de fútbol do planeta. Poderanse seguir os partidos por Eurosport e, ademais, de forma retransmitida nas webs da FIFA, da Confederación Africana de Fútbol (CAF) e, especialmente na completísima web oficial dos campionatos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: