Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
HABERÁ RESTRICIÓNS NO ACCESO A SUBVENCIÓNS

O bipartito premiará a contratación indefinida e penalizará as empresas que abusen dos contratos temporais

O 92% dos contratos asinados en Galiza entre os anos 2000 e 2004 foron temporais. Así o subliñou este xoves o presidente da Xunta, ao respecto do informe presentado polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, ao tempo que chamaba a "desfacerse da idea de que máis temporalidade e precariedade incrementa a produtividade". Emilio Pérez Touriño laiouse da "situación de urxencia herdada da xestión anterior" e destacou que a situación galega a finais de 2004, cun 35% da poboación ocupada en condicións de temporalidade, até 12 puntos por riba da que por exemplo ten Cataluña. No mesmo período, só o 4% dos contratos asinados por mulleres foron indefinidos.

- 08:45 20/01/2006
Tags:

"A radiografía presentada é dunha extrema gravidade", comentou Touriño na súa intervención logo do consello da Xunta. A continuación afirmou que temporalidade "non debe ser sinónimo de competitividade e mellor produtividade empresarial, senón ao contrario" e insistiu na necesidade de "transmitirlle isto aos empresarios e sociedade en xeral". Nesa liña avanzou a vontade do bipartito de "chegar a "un gran pacto polo emprego, no que se asuman unhas liñas que permitan alterar o actual modelo económico".

O presidente da Xunta analizou que maior temporalidade "significa menor formación, menor estabilidade e identificación co proxecto empresarial e menor cualificación dos recursos humanos". Nese sentido, e dentro do proxecto do bipartito para crear un modelo "baseado no traballo estábel e de calidade" comentou que entre as medidas proxectadas están o incentivo de fórmulas de contratación que garantan o posto indefinido para o traballador e as penalizacións a aquelas que máis abusen da contratación temporal, o que pode incluír restriccións a estas empresas no acceso a axudas e e subvencións da administración galega.

O informe
Segundo o informe que o conselleiro de Traballo levou ao consello da Xunta deste xoves, só o 8,4% dos contratos no período 2000-2004 foron indefinidos. Por sectores, a maior contratación temporal está no sector servizos, especialmente no comercio e a hostalería. O sector da construción, o que ten maior porcentaxe de afiliación á seguridade social, amosa tamén taxa de ocupación temporal moi alta e as máis baixas aparecen no sector industrial. A taxa de ocupación temporal en Galiza quedou en 2004, último ano estudado, en 34.97%, medio punto por baixo da do ano anterior, 35.65%, malia que a nivel provincial, Lugo e Ourense amosaron un aumento de temporalidade. As taxas de emprego temporal foron en 2004 do 38.66% en Potnevedra, 38.22% na Coruña, 31.19% en Ourense e 27.16% en Lugo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: