Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
IMPULSO AO PROCESO DE REFORMA DO ESTATUTO GALEGO

O PSdeG pide poñer data para a ponencia parlamentaria e o PPdeG calcula que o Estatut catalán implica para Galiza a perda de 150 millóns por ano

O voceiro do grupo parlamentario socialista, Ismael Rego, pediulles este luns aos respectivos voceiros de PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, e BNG, Carlos Aymerich, fixaren unha xuntanza para poñer en común os mecanismos e criterios para a constitución da comisión especial que inicie os traballos para a reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza. Logo da xuntanza de Quintana e Feijoo este martes, o líder do PPdeG falará co secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, o próximo sábado. A meta fixada: que o novo Estatuto estea redactado antes do verán. Mentres, desde Madrid, o número dous dos populares, Ángel Acebes, lanzaba o discurso máis belixerante para frear os asomos de diálogo cara o Estatut no que se significaba o propio líder do PP catalán, Josep Piqué.

- 07:10 24/01/2006
Tags:

O voceiro parlamentario do PSdeG Ismael Rego, avaliou o cambio de avaliación en poucos horas que ao presidente do PPdeG lle mereceu o Estatut, acusando a Feijoo de responder ao "tirón de orellas que lle deu o seu secretario xeral, Ángel Acebes". Rego criticou que Núñez Feijoo pasase en poucas horas de reivindicar para Galiza un estatuto "igual ao de Cataluña" a denunciar o acordo acadado por Zapatero e Mas "coa mesma ferocidade que Acebes ou Zaplana".

Os números do PPdeG
Os populares galegos fixeron pública na tarde do luns unha análise sobre o acordo do Estatut segundo a cal este proxecto " podería chegar a supoñer a perda de arredor de 150 millóns de euros anuais para Galicia, resultado de aplicar o 7% que lle ven correspondendo a Galiza do total de financiamento das comunidades". Alberte Núñez Feijoo insistiu en que "Galiza podería perder con este acordo dobremente: capacidade financeira e investimentos do Estado".

Na opinión do PPdeG pásase dun modelo multilateral decidido no Consello de Política Fiscal e Financieira a un modelo onde "decide bilateralmente o Estado e partidos cataláns". Explican que se "pon en dificultade a aplicación do principio de solidariedade", atribuíndolle máis recursos a Cataluña "aproximadamente un total de 2.300 millóns de euros, que non poderán aplicarse ás política de cohesión co resto das comunidades".

Crise entre a dirección do PP e o PP catalán
"De algún xeito parece que nos veñen dando a razón en moitas cousas, coma é o tema do financiamento", apuntou o líder do PP en Cataluña, Josep Piqué, logo de coñecer os primeiros detalles do acordo entre o goberno español e CiU. Piqué cualificou de "aceptábeis" varios dos cambios e mesmo lembrou que a solución para o conflito sobre a "nacionalidade" semellaba ser a que os propios populares cataláns propuxeran no seu día. Ao tempo, opinou que "a filosofía do acordo en financiamento non é contraditoria coa propia evolución deste concepto nos últimos anos" e ponse preto do modelo "reivindicado polo PP".

Na mesma liña se pronunciara o voceiro do PP no Parlament, Francesc Vendrell, insinuando a volta do seu partido ao diálogo, convencido de que nese momento se poñían "uns parámetros sobre os que se poden achegar posicións" e agoirando que "entre todos faremos un esforzo".

Co líder do PP, Mariano Rajoy, desaparecido este luns, contra esa viraxe cara ao diálogo pronunciouse o número dous do partido, Ángel Acebes, quen subliñou en referencia ás declaracións de Piqué que "todos os militantes do PP defenderán a mesma posición de rexeitamento ao Estatut" e insistiu en advertencia cara a Piqué e Vendrell que "se alguén fixo declaracións que se contradín coa posición do PP, equivocouse". Máis belixerante aínda e preguntado ao respecto polos xornalistas o secretario xeral do PP comentou que na ponencia do Parlament e na Comisión Constitucional, nas que estaba previsto que se integrasen o propio Vendrel e Piqué, respectivamente, só representarían ao seu partido "quen defenda as posicións políticas do PP de xeito inequívoco".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: