Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRA REUNIÓN BNG-PPdeG PARA O IMPULSO DA REFORMA ESTATUTARIA

Quintana e Feijoo achegan posicións a prol de maior autonomía política reforzada con "autonomía financeira"

"Non nos vale un Estatuto cheo de competencias e baleiro de financiamento", afirmou o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo. "Non hai autonomía política sen autonomía financeira", dixo o vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana. Os dous líderes amosaban así un consenso básico sobre o que coinciden en considerar clave cara ao proceso de reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza.

- 08:41 25/01/2006
Tags:

Anxo Quintana cualificou de fundamental apostar por "un novo novo marco competencial ambicioso", insistindo en que "cantas máis competencias teñamos haberá máis posibilidades de xerar benestar para os cidadáns". Nesa liña foi que destacou a necesidade "termos un marco financeiro propio" para "exercer esas competencias con garantías". Logo da xuntanza co líder dos populares galegos, o vicepresidente da Xunta dixo ver aí "un bo marco para o acordo, o entendemento e o diálogo".

Quintana chamou a "non compararnos cos demais xa que Galiza ten que falar por si mesma", e destacou que "canta máis unanimidade haxa, máis posibilidades haberá de sacar adiante este proxecto". Na súa opinión, sería o momento axeitado para "deseñarmos unha folla de rota para que o estado pague a débeda histórica que ten con Galiza", insistindo en que "é o momento de marcar prazos e definir como se vai saldar esa débeda". Ademais, non esquezou subliñar que na súa opinión "hai que conseguir que Galiza teña un recoñecemento nacional", explicando que "neste momento no que outras comunidades van ter ese recoñecemento nacional, Galiza non pode perder estatus".

Feijoo subliña a necesidade da "defensa dos intereses xerais de Galiza"
"Para incrementar a nosa autonomía política, Galiza debe aspirar ao mesmo teito competencial que as outras nacionalidades históricas", asegurou Alberte Núñez Feijoo. O líder do PPdeG destacou o consenso atopado con Quintana na vontade de "impulsar a reforma do Estatuto" e pediu que os tres partidos con representación parlamentaria consensúen a postura galega no Consello de Política Fiscal e Financieira e que no caso de que se peche o sistema no Consello antes do remate dos traballos da reforma estatutaria galega "a posición de Galiza se acorde no consenso do Parlamento".

Feijoo explicou que aposta pola autonomía financeira e por un sistema de finanzamento no que Galiza incremente a súa o posición no total de asignación dos Presupostos Xerais do Estado e no sistema de finanzamento das comunidades autónomas. Á beira subliñou que "o posíbel acordo na reforma estatutaria branguerá simultaneamente o ámbito competencial e financeiro". Ao tempo anunciou que durante o mes de febreiro o PPdeG "remitirá unha proposta de marco e metodoloxía de traballo para iniciar e avanzar na reforma estatutaria".

O presidente do PPdeG destacou tamén que entre os asuntos que ao seu partido lle interesa comprometer ao BNG está a "garantía de representación dos territorios do interior". En referencia á posibilidade de modificar o reparto de escanos que actualmente privilexia ás provincias de Lugo e Ourense sobre a porcentaxe de poboación real, Feijoo insistiu en que esa representación eleitoral "forma parte das regras do xogo" e pediu que "non debe cambiarse" a través da modificación da lei electoral.

Feijoo e Quintana tamén avaliaron a posibilidade de reunírense de agora en diante de xeito periódico para o intercambio de opinións sobre asuntos de interese xeral para Galiza. "O país constrúese coa base de acordos desde posicións diferentes", comentou Feijoo. "Hai que moverse a prol do diálogo e a unidade", dixo Quintana.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: